“Feijóo, PP, respectade a ILP”

CIG denuncia perante o Parlamento que o PP baleira de contido a ILP por unha tarifa eléctrica galega

Paulo Carril, secretario xeral do sindicato, considera un “atentado á democracia” que o PP lamine unha iniciativa lexislativa popular cuxa admisión foi aprobada por unanimidade na Cámara galega.

 

Tarifa eléctrica galega

Un cento de delegados e delegadas da CIG concentráronse esta segunda feira 4 de decembro perante o Parlamento de Galiza para denunciar a manobra do PP, maioritario na Cámara, para baleirar de contido a ILP presentada hai case dous anos por este sindicato a prol dunha tarifa eléctrica galega e contra a pobreza enerxética. Unha concentración que decorría ao tempo que na Cámara se debatía o que ficaba desta iniciativa após pasar polo “cepillo” do Partido Popular-

Paulo Carril, secretario xeral da CIG, cargaba contra o PP, ao que responsabilizaba dun “grave atentado á democracia” por desvirtuar e, de facto, anular unha ILP cuxa admisión fora aprobada por unanimidade polas forzas presentes no Parlamento de Galiza, que tivo o apoio do dobro de sinaturas necesarias, ben como de 50 concellos –entre eles de 6 das 7 grandes cidades galegas- e de 3 deputacións. “O Partido Popular quer deixar sen efecto” esa proposta. O que é especialmente preocupante nuns momentos en que a pobreza enerxética afecta miles de fogares de Galiza , ou perante “a situación de industrias asentadas en Galiza que desenvolven procesos produtivos intensivos”, como Alcoa ou Celsa Atlantic, entre outras.

Para Carril, Núñez Feijóo e o Partido Popular son “contundentes” contra os axentes e a propostas que procuran “reverter o espolio dos nosos recursos” mentres dá “bicos e apertas” aos responsábeis das grandes empresas que fan negocio con iso. Para o sindicato nacionalista, os argumentos esgrimidos desde o PP para rebaixar a ILP son “lamentábeis” e critica con dureza que “o PP renuncie a que poidamos utilizar un recurso tan valioso en beneficio do noso desenvolvemento económico e industrial e na xeración de emprego, ben como na mellora da calidade de vidas das galegas e galegos”.

Durante a concentración, presidida por dúas faixas nas que se reivindicaba “Tarifa eléctrica galega”, coreáronse diversas palabras de orde, como “Na nosa Terra, tarifa galega”, “Nós producimos, nós decidimos” ou “Feijóo, PP, respectade a ILP”.

Comentarios