Feijóo non recibe aos representantes do naval de Ferrol

Delegados de Navantia e empresas auxiliares concentráronse en Compostela para exixiren unha reunión con Feijóo e o conselleiro de Industria para abordar a grave crise do sector en Ferrolterra. Feijóo estaba desaparecido, e o conselleiro emprazounos a manter mañá mércores unha reunión
Naval
photo_camera Naval

Un cento de delegados de Navantia e empresas auxiliares viaxaron esta terza feira de Ferrol a Compostela para demandar unha xuntanza urxente co presidente da Xunta e o conselleiro de Industria. Cando ían de camiño, chegoulles unha notificación de que o conselleiro lles recibiría mañá, malia saber que os representantes dos operarios ían estar hoxe en Compostela. Unha reunión na que tamén estaría o alcalde de Ferrol.

Desde os sindicatos considérase esa actitude "un cachondeo" e unha "tomadura de pelo", en palabras de Manuel Grandal, de CIG en Ferrolterra. Entenden que non hai verdadeiro interese en recibir aos delegados nin en abordar a grave crise do sector naval. Os delegados concentráronse igualmente perante o edificio da Xunta, co apoio de representantes do PSdeG, AGE e BNG, aliás de alcaldes da comarca.

 "Após a coitelada do dique flotante, nin sequer teñen a decencia de atendernos. E a situación é insostíbel", apuntan desde o comité de empresa de Navantia. 

O naval de Ferrol mantén o calendario de mobilizacións, que terá unha nova cita o vindeiro 13 de febreiro, cunha manifestación en Compostela. E a finais de mes,unha protesta a nivel comarcal.

"Compromiso cero co naval"

O secretario nacional da federación de Metal do sindicato nacionalista, Xoán Xosé Bouzas, Tupi, denunciou que “o compromiso da Xunta de Galiza co sector naval é cero”. Lembra que xa se constatou co tax lease e cos problemas de financiamento que tiña o sector na ría de Vigo e que se repite agora “incumprindo os compromisos que tiña tanto coa construción do dique flotante como dos floteis de Pemex”.

O naval de Ferrol lembra que se destruiron pola vola de 2.000 empregos vencellados ao sector na comarca nos últimos meses. Aliás, indican que o futuro é do máis negro, pois á nova de que non se vai facer o dique flotante engádese a incertidume sobre os floteis de Pemex

Comentarios