Feijóo contrata á empresa da súa irmá para xestionar os laudos das preferentes

A empresa EULEN, da que é apoderada Micaela Núñez Feijóo, será a encargada de xestionar a atención telefónica d@s afectad@s polas preferentes.

Malia anunciar que sobraban empregad@s públic@s, o presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo, presentou perante as organizacións sindicais unha proposta pola que se contrata á empresa EULEN para que desenvolva tarefas de atención telefónica e xestión de documentación das persoas afectadas pola estafa das preferentes. O contrato non foi publicado en ningún boletín nin diario oficial e tería un custo de 85.000 euros, cargados sob o erario público. 

A través deste contrato, a empresa EULEN, da que é apoderada Micaela Núñez Feijóo, irmá do presidente galego, viría reforzar o servizo de atención ao consumidor que desenvolve persoal do Instituto Galego de Consumo. Este organismo, está a asumir unha maior carga de traballo sen veren ampliado o cadro de persoal, ao tempo que se externalizan parte dos servizos cara a empresa privada, da que é beneficiaria a irmá de Núñez Feijóo. 

A Confederación Intersindical Galega, denuncia que "as preferentes de Caixanova, só teñen beneficios para a entidade financeira" mentres se multiplican os perxuízos para @s afectad@s, @s empregad@s públic@s e a cidadanía, que "serán os que paguen a factura", asegura a central nacionalista. 

A contratación de EULEN pola Xunta engádese aos beneficios obtidos pola empresa privada nalgúns concellos do PP. Como xa adiantara SermosGaliza, a empresa EULEN estase a facer coa xestión monopolizada de centros culturais coma o Teatro Jofre ou o Colón da Coruña. A entidade da que é apoderada  Micaela Núñez Feijóo, recibiu máis de medio millón de euros en adxudicacións do Concello de Ferrol.   

Comentarios