Feijóo bota o freo a Lei de Acuicultura perante a rebelión do sector do mar

En resposta a unha interpelación de Francisco Jorquera, o presidente da Xunta di no Parlamento que farían “un alto” e que procurarían consensuala co sector do mar.

[Imaxe: Feijóo]

Feijóo bota o freo á polémica Lei de Acuicultura impulsada pola súa conselleira do Mar, Rosa Quintana. O presidente anunciouno no Parlamento, onde dixo que farían “un alto” á espera de dialogar e consensuar o proxecto co sector do mar. Afirmación que recoñece implicitamente que non houbo tal (negociación, diálogo) co sector, algo que este denunciou por activa e pasiva nestes meses.

Feijóo fixo o anuncio en resposta a unha pregunta do portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, que lle pedira a retirada do ante-proxecto e que "deixen de vender Galiza por parcelas,agora até o mar"

A Xunta dá así marcha atrás a un ante-proxecto que provocara unha rebelión entre os diferentes sectores do mar e que chegou aa os concellos, mesmo naqueles gobernados polo PP e que apoiaron mocións pedindo a retirada de devandita lei. Para o sector é unha lei para privatizar o mar galego en beneficio das multinacionais acuícolas. Confrarías, mariscadoras, frota de baixura e mexilloeiros criticaron con dureza o ante-proxecto da lei de acuicultura da Xunta, un borrador que procura, denuncian, desprazar os sectores produtivos tradicionais en beneficio das grandes corporacións da acuicultura industrial.

"Que non cre falsas expectativas"

Desde a Plataforma en defensa da Ría de Arousa (PDRA) sospeitan que Feijóo o que procura é "crear falsas expectativas, dividir o sector e calmar os ánimos".

Este colectivo, que encabezou a oposición do sector do mar a este ante-proxecto, lembra que a lei, "nunca foi demandada" e fíxose "de costas" ao sector. A PDRA pide á Xunta que se sente a falar e a resolver os problemas concretos.

Comentarios