Feijóo aplica o primeiro ERE na Xunta coa eliminación de 251 empregos na Consellaría de Traballo

Eliminación de 251 postos só na Consellería de Traballo. Son as consecuencias do primeiro ERE que o goberno autonómico vai aplicar na súa propia administración. Publicamos no interior a relación de postos de traballo a amortizar.
Feijoo


A Xunta vén de informar aos sindicatos que a Consellería de Traballo vai poñer en marcha un ERE alegando "insuficiencia orzamentaria como causa económica de despido colectivo, acolléndose ao RD 1483/2012, que regula os despedimentos colectivos". Fontes das propias centrais sindicais falan de que en base á documentación remitida pola propia administración ese ERE eliminaranse 251 postos de traballo, abrindo a porta a máis despedimentos."Acóllese á insuficiencia orzamentaria sobrevida como causa obxectiva dos despedimentos", denuncian desde a CIG-Autonómica.

"Acóllese á insuficiencia orzamentaria sobrevida como causa obxectiva dos despedimentos"

Desde sindicatos como a CIG incídese en que este anuncio vén botar polo chan as reiteradas declaracións de Feijóo nestes meses de que "o recorte salarial do 2013 era a opción, xa que só se podía optar por recortes salariais ou despedimentos e había que elixir, o que demostra que non só minte, senón que opta polas dúas vías".

Deixar de ofertar medio milleiro de prazas

Pola súa banda, desde CCOO, Emilio Doforno afirma que a Xunta "deixa de ofertar pola volta de 500 prazas no concurso de transalados", o que supón, apunta, "que van botar á rúa a centos de persoal laboral, xente que ten contrato de interino ou incluso con setencia de idefinido,...".

"Van botar á rúa a centos de persoal laboral, xente que ten contrato de interino ou incluso con setencia de idefinido,...".

Para Doforno, "estamos ante un ERE encuberto: empregan toda a terminoloxía dun ERE mais sen seguir o procedemento, o que, aliás, prexudica aos e ás afectadas". 

Máis un paso no camiño na privatización

Para os sindicatos esta aposta da Xunta supón un paso no camiño da privatización de servizos. "Todos estes servizos e prestacións que fan eses e esas empregadas que van botar... quen os vai facer agora? Pois asistencias técnicas, subcontratas...".

Iso si, as centrais xa advirten de que non van permanecer de brazos cruzados ante esta decisión do goberno autonómico.

 "Enchufar" á curmá

Pero xunto cos despedimentos, e no mesmo proceso, indica a central nacionalista CIG, "Feijoo blinda e favorece unha vez máis á súa familia. Neste caso, o nepotismo chega até aos extremos vergonzosos e indecentes de xuntar nun mesmo proceso o botar á rúa a traballadores co de crear unha praza ad hoc para unha curmá de Feijoo en Ourense".

Educadora no centro de menores de Montealegre, esta familiar directa do presidente da Xunta "foi nomeada dixitalmente para ocupar a xefatura da Casa da Xuventude da cidade ourensá e, agora que se aproxima o concurso de traslados e, vendo que previsibelmente non vai obter o posto por méritos, créanlle unha praza de educadora na propia Casa da Xuventude para que poida continuar nese centro".

Comité de Empresa

Para o Comité de Empresa da Consellería de Traballo, "Beatriz Mato é a responsable do primeiro despido masivo que vai a levarse adiante na Xunta de Galicia e supón unha regulación de emprego encuberta, todo elo mostra da incapacidade da conselleira de Traballo e Benestar para xestionar o seu departamento. Beatriz Mato non crea postos de traballo, non mantén a calidade dos servizos sociais, non xestiona con eficacia e eficiancia os servizos da Dependencia e non respeta os dereitos do persoal laboral".

Consulta a relación de postos a amortizar nesta ligazón

Comentarios