Feijóo afirma que a Axencia Tributaria de Galiza permitirá á facenda galega dispor de 24 millóns de euros

A entidade entrará en funcionamento antes do verán, segundo o presidente
Imaxe do Consello da Xunta do PP
photo_camera Imaxe do Consello da Xunta do PP

A primeira Axenda Tributaria Galega nos 30 anos de autonomía entrará en funcionamento antes do verán e permitirá á facenda autonómica contar con 24 millóns de euros máis ao ano. Deles, 20 millóns procederán da recadación de impostos propios e cedidos, e os outros 4 proveñen do “aforro” na xestión de custos. Así o explicou o presidente da Xunta, Núñez Feijóo, na comparecencia tras o Consello de Goberno, que deu luz verde ao decreto de creación da Axencia.

"Iniciamos a conta atrás para activar unha axencia que procura maior eficacia, loitar contra a fraude e facilitar aos contribuíntes que cumpran as súas obrigas fiscais", sinalou Feijóo. O inicio do funcionamento da Axencia implicará, segundo o presidente, que a Administración autonómica asumirá "todas" as funcións tributarias que lle corresponden por tributos propios e cedidos.

A creación do organismo tributario, anunciado polo presidente esta semana en sede parlamentaria, supón un cambio a respecto da postura defendida polo PP galego ao longo destes anos. @s populares rexeitaron, e en máis dunha ocasión, propostas de diferentes organizacións, nomeadamente o BNG, para pór en marcha na Galiza entidades deste tipo.

“Un banco público non é actual nin occidental”

Na comparecencia, Núñez Feijóo tamén fixo referencia á proposta do BNG de crear unha banca pública galega como ferramenta para combater a crise. O presidente desbotou esa idea sinalando que a creación dunha banca pública non é “actual nin occidental”. Porén, institucións desta clase existen actualmente en puntos tan diversos como o Brasil ou Dakota do Norte (Estados Unidos) e mesmo organismos como a OIT teñen defendido a necesidade de  os países europeos se dotaren dun banco público como garantía para combateren a crise con eficacia.

Jorquera: "Os asesores de Feijóo deberían dicirlle que hai banca pública até nos EE.UU"

O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, replica a Feijóo que pedir para Novagaliciabanco o mesmo trato que vai recibir Bankia é tanto como “comprar todos os números” para que o aforro galego se privatice a prezo de saldo. Jorquera fai estas declaracións, através desta nota de prensa, despois de que hoxe Feijóo, logo do Consello da Xunta, descualificase a proposta do BNG de creación dunha banca pública galega. “A nacionalización de Bankia vai ser unha estafa para os contribuíntes. Aquí o que se vai facer é sanear o banco con cartos públicos para logo devolvelo ao sector privado a prezos irrisorios. Un negocio ruinoso para a Facenda pública e un regalo para os tiburóns financeiros”, analiza Jorquera, para quen “se Novagaliciabanco recibise o mesmo trato de Bankia por parte do Estado, tal e como pide Feijóo, entón estaríamos entregando o aforro galego a prezo de saldo”. Feijóo limítase a descualificar a proposta do BNG, mais sen pór ningunha alternativa sobre a mesa, denuncia o candidato nacionalista á presidencia do Goberno galego.

Comentarios