Feche de pensionistas na sede da Xunta en Vigo

Demandan mellor atención á dependencia.

UXT CCOO pensions
photo_camera O secretario xeral da Unión de Xubilados e Pensionistas de UXT na área de Vigo, Juan Fontenla, e o responsábel da Federación de Pensionistas e Xubilados de CCOO na zona, Perico Hucha (Europa Press)

Un grupo de pensionistas encerrouse esta cuarta feira no edificio da Xunta en Vigo para esixir melloras na atención á dependencia. Despois de que a delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, se comprometese a reunirse con eles, presentaron un escrito no rexistro do edificio administrativo no que detallaron as súas suxestións para mellorar a situación actual.

Nese contexto, o responsábel da Federación de Pensionistas e Xubilados de CCOO na zona de Vigo, Tito Ucha, denunciou que na última década non se construíse "nin unha residencia pública" na zona olívica mentres se abriron varias privadas.

Así, criticou que malia as promesas do Executivo autonómico, non se colocou "nin unha pedra" nos terreos de Teis nos que se comprometeu a apertura dun centro público. Por iso, os sindicatos demandaron a presentación dun plan que contemple a construción de 400 prazas na área olívica en 2020.

Nesa liña, un estudo de CCOO e UXT, mostrou que, entre 2009 e 2016, as prazas públicas en residencias de xestión autonómica ou externa só se incrementaron en 141.

Ademais, o secretario xeral da Unión de Xubilados e Pensionistas de UXT na área de Vigo, Juan Fontenla, apuntou que, na zona de Vigo, máis dunhas 500 persoas atópanse "en lista de espera" para acceder a unha residencia pública. A ese respecto, criticou tamén que o período medio desde que se solicita unha praza ata que se concede supere os dous anos.

Comentarios