O feche de Nissan pon en alerta a automoción galega

A marcha de Nissan de Catalunya e a reestruturación que están a levar a cabo as firmas de automoción poñen en alerta ás traballadoras da factoría viguesa de PSA xusto un día despois de que o presidente Macron prometese axudas millonarias á empresa a cambio de levar a produción de eléctricos a Francia.
Traballadoras diante da planta de Nissan en Barcelona (David Zorrakino / Europa Press)
photo_camera Traballadoras diante da planta de Nissan en Barcelona (David Zorrakino / Europa Press)

O fabricante xaponés de automóbiles Nissan anunciou onte o feche dos seus centros en Catalunya, unha decisión que deixa no aire 3.200 empregos directos e máis de 20.000 nas empresas auxiliares da factoría.

A marcha de Nissan supón unha chamada de atención a todo o sector, e en especial ás factorías de Renault, que forma parte do consorcio no que, á parte de Nissan, tamén está a xaponesa Mitsubishi, da que se oíu falar moito na Galiza coa chegada de Feixoo á Xunta.

A decisión, comunicada ás traballadoras esta quinta feira, prodúcese tan só unhas horas despois de que o presidente francés, Emmanuel Macron, anunciase un ambicioso plan para inxectar 8.000 millóns nos grupos automobilísticos franceses, nomeadamente Renault e PSA.

A condición que pon Macron ás súas empresas é que a produción de vehículos "limpos" tería que quedar en Francia, unha decisión que penaliza Vigo, xa que Bruxelas fixa uns obxectivos de emisións por fabricante que sancionan as plantas onde se ensamblan os modelos menos eficientes, como é o caso da galega.

División de mercados

A marcha de Nissan responde, segundo explican desde a propia empresa, á reorganización do modelo de negocio das integrantes do consorcio. En Europa, a produción quedará ligada a Renault, mentres que Nissan centrarase nos mercados chinés, norteamericano e xaponés, e Mitsubishi no sudeste asiático e Oceanía.

Algo similar podería acontecer no futuro, cando se consolide a alianza entre PSA e Fiat Chrysler Automobiles. Polo de pronto, en Vigo ven perigar a consecución de novos modelos eléctricos se o grupo accede á proposta de Macron. A Xunta e PSA teñen pendente de asinar un convenio de colaboración polo que o Executivo galego se compromete a facer unha achega de 5 millóns de euros para o desenvolvemento na factoría viguesa de vehículos 100% eléctricos. Na actualidade saen de Balaídos as versións eléctricas do Peugeot 2008 e das furgonetas do proxecto K9.

Oportunidade perdida

As decisións importantes de PSA veñen de Francia, un país que promove con Alemaña unha coalición industrial para liderar a fabricación de baterías eléctricas en Europa, co grupo automobilístico e a petroleira Total como actores principais.

Pero o conto podería ser moi diferente se o Goberno de Feixoo, a comezos do seu mandato, tivese garantido a Mitsubishi a construción da que sería a maior fábrica de baterías do continente. Os problemas para legalizar a súa implantación na Plataforma Loxística Salvaterra-As Neves (Plisan) fracasaron cun investimento chamado a meter de cheo o sector galego da automoción no século XXI.

A idea era fabricar na Galiza baterías para o grupo PSA e non depender de terceiros. Agora, co mercado revolucionado pola crise da COVID-19, as matrices loitarán porque o emprego que se destrúa sexa fóra das súas fronteiras.

Comentarios