crise industrial

O feche da térmica castiga a Sánchez nas Pontes

O PSdeG perde 11 puntos no concello das Pontes, pero logra manterse como a forza máis votada. 
Central térmica de Endesa nas Pontes.
photo_camera Central térmica de Endesa nas Pontes.

A crise industrial na que está inmersa Galiza pasou factura ao PSdeG nos comicios electorais deste 10 de novembro. O partido de Pedro Sánchez acusou a decisión de Endesa de fechar a central das Pontes e perdeu máis de 800 votantes, segundo os datos provisionais do Ministerio do Interior. 

A formación foi ademais a que experimentou unha maior baixada porcentual con respecto aos comicios de abril, ao pasar de contar con 41,08% dos apoios a ter 30,14%, once puntos dos que se aproveitaron o PP, que subiu oito (de 16,68% a 24,72%), e BNG, que logra seis puntos máis (de 10% en abril a 16,76%).  

Resultados do 10N no Concello das Pontes

O PP, primeira forza en Cervo

Noutro dos epicentros da crise industrial, o Concello de Cervo, onde se asenta a multinacional Alcoa, o PSdeG tamén notou as consecuencias de non ter aprobado en tempo e forma un estatuto específico para as industrias electrointensivas. Porén, o descenso non foi tan acusado como no caso das Pontes. 

O PSdeG perdeu un punto porcentual ao pasar de 32,54% dos sufraxios en abril a 31,16% este novembro. O problema está en que, a consecuencia desta perda, o PP situouse no concello como a primeira forza tras escalar tres chanzos, de 30,05% a 33,22%. Podemos resiste como terceira forza e o BNG crece con intensidade e pasa de 6,51% a 10,01%.

Resultados das eleccións do 10N no Concello de Cervo

Comentarios