DURANTE 2018

Fechan 463 granxas na Galiza mentres o prezo do leite continúa á cola do Estado

2019 arrancou con 7.503 granxas na Galiza, 463 menos das que había a inicios de 2018. É unha media de 9 explotacións que teñen que botar o fecho cada semana. En contraste, aumenta o volume de litros entregados.

XANCEDA GRANXA vacas leite
photo_camera Foto: Granxa Xanceda

O último informe do Fondo Español de Garantía Agraria (Fega), correspondente a xaneiro deste ano, incide no devalar do sector leiteiro galego en canto a número de explotacións. 2019 arrancou con 7.503 granxas na Galiza, 463 menos das que había a inicios de 2018. É unha media de 9 explotacións que teñen que botar o fecho cada semana. Entre decembro de 2018 e xaneiro deste ano foron 45 as granxas en Galiza que seguiron ese camiño.


En prezos, as granxas galegas continúan á cola do que se paga en todo o Estado, con 31,7 céntimos, o mesmo prezo medio que en decembro e que hai doce meses. No Estado a media sitúase en 33 céntimos, tamén sen cambios en relación a decembro mais lixeiramente superior a xaneiro de 2018, en tanto nas comunidades veciñas, Castilla y León está en 33,4 e Asturias en 34,9 céntimos.


En xaneiro a produción de leite caeu no Estado por quinto mes consecutivo. Porén, Galiza continúa a incrementar entregas. En xaneiro, fronte a caída estatal de máis de 12.000 toneladas, Galiza entregou 1.300 toneladas máis.


En marzo de 2015 entraba en vigor a fin de cota láctea. Había daquela en Galiza 9.500 explotacións leiteiras e os anuncios e promesas institucionais auguraban que a liberalización do mercado ía provocar maior competitividade e, xa que logo, un aumento dos prezos que se pagaban aos produtores polo leite. Daquela, en marzo de 2015, a media que se lle pagaba a un gandeiro galego por litro de leite superaba os 30 céntimos.

Comentarios