“Farán falta 42 anos para recuperar o poder adquisitivo que se perderá coa reforma das pensións nestes 6 anos"

A CIG denuncia que a reforma das pensións procura alimentar o negocio da banca e as aseguradoras. A central nacionalista convoca manifestacións o vindeiro 14 de novembro nas diferentes comarcas do país.

CIG
photo_camera Luís Burgos e Suso Seixo

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, e o representante da central sindical no Consello Económico e Social do Estado, Luís Burgos, consideran que a reforma das pensións que pretende aprobar o goberno provocará unha redución das pensións actuais e futuras e procura abocar á poboación á subscrición masiva de plans de pensións privados para alimentar o negocio da banca e das aseguradoras. Seixo denunciou que esta contrarreforma non se debe a cuestións técnicas, senón de carácter político e ideolóxico.

Lembrou o secretario xeral da CIG que as pensións representan o 10% do PIB do Estado español, moi por baixo da media dos países da Eurozona e cuestionou que se cumpran as previsións que se fan de cara ao futuro.

Gasto nas pensións por baixo doutros estados

Sinalou que que a previsión é que en 2030 o gasto en pensións represente o 10,6% do PIB, é dicir, menos ou case igual ao que representa o custe das pensións en Alemaña e que as previsións para 2060 son que se chegue ao 13,7%. “Iso está por debaixo do que representa o gasto das pensións en Italia ou Francia e é sostíbel o sistema de pensións”.

Pola súa banda, Luís Burgos apunta que ainda que inicie o proceso de recuperación, que sería a partir do 2019, as pensións subirían daquela o IPC máis o 0,25% como máximo. En todo caso, segundo Burgos, polos cálculos da central sindical, mais tamén polos feitos por economistas, matemáticos e mesmo das compañías de seguros, “farán falta 42 anos para recuperar o poder adquisitivo que se perderá nestes 6 anos con esta fórmula e iso no mellor dos casos, porque como todas as variábeis dependen das previsións do goberno, e estas son subxectivas, non sabemos”.

"Empobrécese máis aos que menos teñen"

Burgos concluíu denunciando que o chamado factor de sostenibilidade atenta contra a equidade do sistema porque “hai estudos que demostran que a esperanza de vida non é igual para todas as persoas, en función do tipo de profesión que se desenvolva”, como tampouco é o mesmo, dixo, unha revalorización, dun 0,25% para unha pensión de 600 euros que para unha pensión de 2.000 €. “Non se contempla a solidariedade que é o principio básico e empobrécese máis aos que teñen menos”.

A CIG pon en marcha unha campaña promovendo diferentes actos a través das asembleas de delegados e delegadas en todas as comarcas o 7 de novembro e manifestacións o próximo 14 de novembro. Unha campaña que terá continuidade “con novas respostas de contestación social” a unha reforma que “non está xustificada porque nin no informe dos expertos -9 dos 12 vinculados á banca e ás compañías aseguradoras-  se di que o sistema non sexa sostíbel”.

Horas e lugares

Ourense: Ás 20:00 horas do pavillón dos Remedios.

Pontevedra: Ás 20:00 horas da Praza da Ferrería

Vilagarcía: 20:00 horas da Casa do Mar

Vigo: Ás 20:00 h da Vía Norte

Compostela: Ás 20:00 horas da Praza Roxa

Lugo: 20:00 h da Ronda da Muralla

Ferrol: 19:30 horas con saída do local do sindicato. Avda. de Esteiro

A Coruña: 20:00h praza de Vigo

Comentarios