As familias galegas gastarán este ano un 78% máis na volta ao cole

O gasto medio para a volta ao cole sitúase na Galiza nos 354 euros por familia.
Alumnado de Infantil e Primaria no inicio de curso (Iñaki Berasaluce / Europa Press).
photo_camera Alumnado de Infantil e Primaria no inicio de curso (Foto: Iñaki Berasaluce / Europa Press).

Co remate de agosto e o comezo de setembro, as familias galegas con fillos e fillas en idade escolar van preparando a volta ao cole, unha operación na que este ano gastarán de media 354 euros, o que supón un incremento de 78% con respecto as previsións de 2020, segundo recolle o estudo estacional do Observatorio Cetelem dado a coñecer esta sexta feira.

A pesar do aumento no gasto medio, o informe sinala que a maior parte das persoas enquisadas ─o 67%─ non ten pensado gastar máis que en anos anteriores, fronte a 19% das enquisadas, que se amosa convencida de que nesta 'volta ao cole' van asumir un maior gasto, en concreto, "catro puntos porcentuais máis que o ano pasado", apunta a entidade financeira nun comunicado.

O Observatorio aclara igualmente que existe un descenso de dous puntos porcentuais entre aquelas familias que declaran ter pensado gastar menos que en 2020.

Manda a tenda física

En canto a hábitos de compra, 47% das persoas entrevistadas afirma que non os vai mudar e seguirá a comprar os produtos para o vindeiro curso escolar en tenda física.

Porén, o estudo revela que 31% das persoas enquisadas pasou nos últimos tempos de realizar as compras de forma presencial a realizalas de maneira en liña debido á crise sanitaria.

Igualmente, existe unha porcentaxe de persoas (23%) que xa efectuaba as compras por Internet antes da pandemia e que agora o seguirá a facelo.

O material escolar, libros e roupa serán novamente os produtos máis demandados para volver ás clases, con porcentaxes de compra en alza do 49%, 48% e 43%, respectivamente.

Tamén crecerá a compra de máscaras e xeles desinfectantes, produtos nos que aproximadamente a metade das familias pensan que farán un maior desembolso que no curso pasado.

Comentarios