A falta de avances leva o comité de Alcoa en Cervo a retomar as protestas

A ministra de Industria viaxará a semana que vén a Pittsburgh sen unha postura consensuada sobre a venda de Alcoa.
EuropaPress_3378735_trabajador_sostiene_bengala_nueva_manifestacion_convocada_comite_alcoa
photo_camera Os traballadores de Alcoa retomarán as mobilizacións a próxima semana ante a falta de avances no proceso de venda

A reunión da Mesa de Alcoa celebrada esta quinta feira, 15 de xullo, rematou sen avances sobre o proceso de venda da planta de San Cibrao (Cervo), pese a que Xunta, comité e sindicatos agardaban saír cun borrador común da postura que debería defender a ministra de Industria a vindeira semana, cando se reúna en Pittsburgh (EUA) con directivos da multinacional do aluminio para abordar esta cuestión. 

Ante esta situación o comité volveu chamar os traballadores a "dar outra vez a batalla". Será a comezos da semana que vén, cunha acción de protesta e reivindicativa "para que lle chegue a mensaxe a Alcoa e gobernos".

Esta decisión tómana despois de afirmar que se senten "abandonados" por parte das administracións."A SEPI non nos comunicou nada, nin dixo a Alcoa se segue negociando ou non", criticou o seu presidente, José Antonio Zan, antes de censurar que "ninguén vén ás reunións, ninguén dá a cara polos traballadores nin ninguén loita" por eles.

Un claro exemplo desta desidia e que o Goberno español, segundo denuncia, "non mandou borrador" do que pretende para o futuro da factoría a menos dunha semana da reunión cos directivos de Alcoa. Tampouco se pronunciou sobre as posíbeis empresas interesadas que, segundo o trasladado por Alcoa, "un estaría xa para asinar, outro moi próximo e outros dous terían que negociar".

"Non imos permitir que ningún goberno nos deixe tirados", afirmou Zan lembrando os recentes apoios unánimes no Congreso das Deputadas e no Parlamento galego a unha intervención temporal da planta.

 "Conseguirémolo, pero só se pode conseguir dunha forma. O o día 19 temos que volver ser os leóns que eramos, e temos que volver loitar", incidiu o representante sindical.

Comentarios