A falla de contedores golpea a economía

A crise dos colectores dificulta as exportacións e xera desabastecemento.
Colectores (Foto: Europa Press).
photo_camera A “crise dos colectores” nótase nos portos galegos. (Foto: Europa Press)

O tráfico marítimo é a trabe loxística que sustenta os intercambios económicos a nivel internacional. Un problema no mesmo trasládase inmediatamente ao mercado, provocando o desabastecemento de produtos básicos, limitando a actividade exportadora ou encarecendo os bens de servizos ou equipos. Os sectores produtivos galegos e as diversas ramas da actividade notan de maneira moi acusada a denominada “crise dos contedores” provocada pola ruptura dos fluxos comerciais durante a pandemia e, tamén, polo conflito aberto entre os Estados Unidos e a China.

A preocupación pola situación chegou a diversos organismos internacionais. Así, a Conferencia das Nacións Unidas sobre Comercio e Desenvolvemento (Unctad) advirte de que “o custo de contedores de transporte alcanzou máximos históricos” e responsabiliza do acontecido “a alta e inesperada demanda tras a pronta recuperación da China”, os retrasos derivados da obrigatoriedade de cumprir coas novas normativas sanitarias e de distanciamento social e o desfase entre a capacidade de oferta e as necesidades da demanda.

As consecuencias das limitacións do tráfico marítimo afectan de cheo na Galiza a aquelas actividades económicas moi dependentes das exportacións. Segundo puido saber Nós Diario, transportar un contedor desde China á Galiza achégase actualmente a 11.000 euros cando antes da pandemia esta operación situábase entre 1.200 e 1.700 euros.

A este respecto, desde o sector da loxística dan por feito que esta tendencia vaise manter nos vindeiros anos e Unctad suxire que “as cargas sitúanse probabelmente por riba da media anterior durante un prazo de cinco anos”. Porén, a axencia dependente da organización das Nacións Unidas entende que “estamos no peor momento da crise e as primeiras baixas nos custos dos portes non van tardar en percibirse”.

A crise dos contedores pon en risco a competitividade de moitos grupos empresariais pero tamén cuestiona a viabilidade de certas compañías cuxo funcionamento depende dos mercados exteriores. Neste sentido, non só preocupa a dificultade de repercutir ao cliente final os custos dos produtos senón de atender as demandas que chegan doutros países polas limitacións loxísticas. Así, algunhas compañías medianas denuncian que o tempo de agarda para conseguir enviar un pedido a un cliente está entre dúas ou tres semanas cando con anterioridade a 2019 a operación formalizábase en días.

A outra cara do parón no transporte marítimo é o desabastecemento e o encarecemento de moitos produtos. Un caso paradigmático é a falla de bicicletas, cuxa fabricación se concentra en Asia, sendo necesario até un ano de espera para conseguir algúns modelos. Outro tanto acontece no sector dos electrodomésticos e da electrónica, téndose reducido nos últimos meses a oferta de determinados aparellos como ordenadores, lavadoras, frigoríficos ou determinados xogos, destacando neste caso a imposibilidade de atopar nos mercados europeos determinadas series da Play Station.

A suba do prezo de determinados artigos de ferraxaría está, tamén, asociada a esta realidade. Sen descartar o impacto do aumento dos consumos nos mercados asiáticos e as propias lóxicas especulativas innatas ao sistema económico, os problemas loxísticos inciden negativamente na alza de parte destes produtos. 

Comentarios