A facturación da industria galega baixa en marzo, mentres crece no resto do Estado español

Esta caída supón a maior do Estado español, e discorda cun mes de avance xeneralizado no resto de autonomías. Só a Galiza (-7%) e Asturias (-1,2%) retroceden, afastadas do incremento medio estatal de 13,2%. No outro extremo, sobresae Murcia (+37,7%).
A factura enerxética condiciona o futuro da industria galega (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera A factura enerxética condiciona o futuro da industria galega (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

A cifra de negocios da industria galega baixou 7% en marzo en comparación co mesmo mes de 2021, segundo os datos que publica o Instituto Nacional de Estatística (INE) esta sexta feira.

Esta caída supón a maior do Estado español, e discorda cun mes de avance xeneralizado no resto de autonomías. Só a Galiza (-7%) e Asturias (-1,2%) retroceden, afastadas do incremento medio estatal de 13,2%. No outro extremo, sobresae Murcia (+37,7%).

Deste maneira, as vendas da industria galegas volven a cifras negativas, rompendo así cun ano de subidas interanuais consecutivas.

Na media do que vai de ano, entre xaneiro e marzo, a facturación da industria galega creceu un 6,5%, sendo a única autonomía que non supera 10%. A alza é de 18,2% de media no Estado español.

O sector industrial no Goberno de Feixoo

O complexo industrial é un dos máis golpeados polo programa económico do Goberno de Feixoo. Así, entre 2008 e 2021 o valor xerado polas manufacturas galegas reduciuse en perto de 8%, mentres o sector manufactureiro alemán incrementou o seu valor engadido bruto en 29%. Ao tempo, a Galiza perdeu nos últimos 14 anos 33.555 empregos no sector industrial, pasando de 154.860 ocupados en decembro de 2008 a 121.305 na actualidade. Neste sentido, a profesora da Facultade de Económicas da Universidade de Santiago de Compostela María Cadaval sinala a Nós Diario que "a Galiza leva perdido un de cada cinco empregos industriais desde o ano 2008".

A produción industrial está moi por baixo das cifras de 2008 non conseguindo recuperar en ningún dos exercicios os niveis anteriores á crise. Neste sentido, no relatorio  A economía galega. Informe 2019/2020 signifícase que "a produción industrial en 2019, que como indicamos foi inferior  á de 2018, distaba aínda moito de alcanzar a lograda  na  primeira década deste século. Así, mentres o valor medio do Índice de Produción Industrial (IPI) xeral en 2007 (base 2015) era 140,1, en 2019 era 105,1; cunha diferenza de 35 puntos que reflicte unha preocupante caída na actividade industrial". Ao tempo, en 2019 só os sectores da alimentación, bebidas, papel, químicas e outras industrias manufactureiras superaban a produción de 2007.

A crise bateu con forza tamén, naquelas empresas de maior dimensión. Así, entre 2008 e 2019, a Galiza perdeu 1.031 empresas que superaban os 9 traballadores, o que supón unha caída de 37,5%, algo particularmente grave nun sector como o industrial, onde o tamaño é importante para aproveitar as economías de escala e favorecer a internacionalización. En relación con isto, o economista da USC Gonzalo Rodríguez afirma a Nós Diario que "neste caso o tamaño si importa". As empresas, sinala, "necesitan lograr unha escala mínima para poder exportar e innovar" e lembra que "as empresas de menos de 50 empregados representan na Galiza o 94,43% do total".

Comentarios