Facenda investiga oito empresas galegas por fraude fiscal na venda de materiais de construción

O escaso número de pagos con tarxeta e a aparición de signos externos de riqueza levantaron as sospeitas.

O sector de venda de materiais de construción presenta unhas especiais características en canto ao seu funcionamento económico. (Foto: GDM)
photo_camera O sector de venda de materiais de construción presenta unhas especiais características en canto ao seu funcionamento económico. (Foto: GDM)

A Axencia Tributaria iniciou esta cuarta feira unha operación coordinada en 14 Comunidades, entre elas a Galiza, contra a fraude fiscal no sector da venda de materiais de construción.

A operación, denominada 'Argamasa', supón o inicio de comprobacións inspectoras a 74 sociedades e 25 persoas físicas vinculadas (socios, administradores e persoas da contorna familiar), mediante a comparecencia de máis de 300 funcionarios da Axencia nun total de 71 locais.

O dispositivo despregado no país supuxo a inspección de oito empresas galegas durante a pasada cuarta feira baixo sospeita de fraude viscal na venta de material de construción.

A operación 'Argamasa' foi coordinada polo departamento de Inspección da Axencia Tributaria, contando coa participación de máis de 280 funcionarios da área de Inspección, incluíndo persoal das unidades de Auditoría Informática, e máis dunha vintena de funcionarios do Servizo de Vixilancia Aduaneira da Axencia, así como co apoio de axentes policiais.

Unha serie de indicios de existencia de economía somerxida, sumados á propia evolución experimentada nos últimos anos no ámbito da construción e as reformas, levaron a fixar este sector como obxectivo da presente operación. As empresas afectadas pola operación 'Argamasa' son, fundamentalmente, sociedades dedicadas á venda de materiais de construción.

As empresas elevaban facturación, pero as súas marxes reducíanse

A facturación destas empresas incrementouse nos últimos anos, alcanzando en 2021 un importe próximo aos 280 millóns de euros, aínda que mostran unhas marxes netas sensiblemente inferiores aos do conxunto do seu sector.

A Axencia Tributaria precisa que, máis aló do ámbito do pequeno comercio, que non é obxecto desta operación, o sector de venda de materiais de construción presenta unhas especiais características en canto ao seu funcionamento económico.

En concreto, indica que se trata dun sector con escaso uso de pago a través de tarxetas (o pago con tarxeta representa menos dun 8% da facturación). Aínda que isto non implica necesariamente un uso intensivo do efectivo, dado que se trata dun sector con gran volume de operativa comercial con outros empresarios, esa particularidade do escaso uso da cobranza con tarxetas, sumada ás tamén escasas imposicións de efectivo en contas (menos dun 6% da facturación), merecen "especial atención e un exame máis exhaustivo" sobre a correcta declaración dos ingresos, afirma Facenda.

Outro elemento que se considerou para a selección destas empresas é o feito de que nas persoas físicas asociadas con estas empresas atopáronse diversos casos de signos externos de riqueza que poderían constituír indicios de ocultación de ingresos, como o alugueiro de caixas de seguridade e o uso de tarxetas persoais de alto importe.

Con comparecencias como as realizadas nos locais seleccionados, a Axencia logra acceder directamente á documentación e información contábel ou auxiliar real existente, incluídos os sistemas informáticos de procesamento da información, ao obxecto de confirmar e cuantificar o volume de actividade non declarada polas empresas.

Algunhas usaban 'software de dobre uso'

Nalgunha das comparecencias realizadas esta cuarta feira, mesmo, xa se detectou a existencia e utilización de 'software' de ocultación de vendas ou 'dobre uso'.

As inspeccións, que se desenvolverán nos próximos meses a partir desta obtención de probas inicial, analizarán toda a documentación obtida.

Comentarios