venres 07/08/20

Facenda dá a Navantia Cádiz carga de traballo e Ferrol terá que agardar

O estaleiro de Navantia en Cádiz contará con carga de traballo, segundo vén de anunciar o Ministerio de Facenda, após varios meses de mobilizacións. En Ferrol xa pensan en iniciar de novo as protestas por non saber cal será o seu futuro cando entreguen as actuais fragatas australianas a principios de 2021 e non inicien o novo encargo da Armada española, previsto para 2022.
Entrega dun BAM de Navantia en Cádiz (Arquivo/ Europa Press)
Entrega dun BAM de Navantia en Cádiz (Arquivo/ Europa Press)

O Ministerio de Facenda vén de autorizar o gasto de 167 millóns de euros para a construción dun Buque de acción marítima de intervención subacuática (BAM-IS) no estaleiro de Navantia en Porto Real (Cádiz). O anuncio foi considerado como unha "boa nova" pola presidenta do comité de empresa Margarita Forné (CCOO) en declaracións a Canal Sur Radio recollidas por Europa Press. Aínda así manterán as mobilizacións que veñen levando a cabo nos últimos meses para solicitar máis carga de traballo e desconfían de que se faga realidade o anuncio "até que entre o aceiro pola porta do noso estaleiro".

Ferrol non pelexará por ese tipo de contratos

Javier Galán (CCOO), presidente do comité de empresa de Navantia Ferrol, quitoulle ferro ao anuncio deste importante contrato para o estaleiro andaluz e o silencio ás peticións  que levan tempo facendo desde Galiza. "A decisión xa estaba tomada no plan de empresa", asegura a Nós Diario e engade que "o único que temos que dicir é que nós tamén necesitamos carga de traballo".

Galán explica que o BAM é un tipo de buque que se vén realizando desde hai tempo na baía de Cádiz. Recoñece que tamén se podería construír en Ferrol mais "historicamente facemos buques de maior porte" polo que afirma que "non pelexaremos coas compañeiras e compañeiros do sur por ese encargo". 

A situación en Ferrol comeza a ser preocupante pola incerteza do futuro inmediato. Nos primeiros meses de 2021, se non hai máis atrasos motivados pola pandemia da Covid-19, o estaleiro ferrolán podería quedar sen carga de traballo. Galán relata que xa falaron coa Xunta da Galiza e cos concellos galegos e agora di que "a ver se somos capaces de conseguir unha entrevista co Goberno español para lograr un compromiso por esa carga de traballo necesaria".

Haberá mobilizacións en Navantia Ferrol

Marcelo Amado, responsábel da sección sindical da CIG, en Navantia Ferrol, asegura a Nós Diario que "o BAM era unha opción que estaba aí, non temos nada en contra de que os demais teñan carga de traballo mais seguiremos reclamando para nós". Confirma que se non hai máis contratos no que queda de ano cando entreguen os dous buques a Australia que están en construción na actualidade quedarían na rúa "máis de dúas mil persoas" que non terían traballo até que comecen as novas fragatas en 2022, data estimada para o inicio da primeira das embarcacións encargadas pola Armada española.

Amado desconfía que non se aceleren os prazos para a construción destes buques prometidos para non ter que agardar tanto tempo sen actividade, "algo que podería solucionar en parte esta grave situación", se non todo o contrario. "Parece que sufrirán un atraso", engade este sindicalista. Por este motivo desde a central sindical nacionalista non descartan iniciar de novo as mobilizacións "aínda que somos conscientes de que agosto, coa actual situación da pandemia, é un mal momento". Cre que "xa imos tarde" malia adiantar reunións co resto de sindicatos neste sentido.   

Atraso na entrega

A pandemia provocou atrasos nos actuais buques de combate AAOR (Australian Auxiliary  Oil Replenishment) encargados pola mariña australiana que se están construíndo en Navantia Ferrol. Segundo fontes da compañía pública a primeira das embarcacións, que estará en período de probas de mar no mes de agosto, podería entregarse no vindeiro mes de decembro. O segundo e último buque deste contrato, segundo o novo calendario que manexa o estaleiro ferrolán, prevé as probas de mar para principios de 2021 e a saída das instalacións ferrolás rumbo a Australia a finais do primeiro trimestre de 2021, ao redor do mes de marzo.

comentarios