INFORME DE CONXUNTURA

As exportacións volven lastrar o crecemento da economía galega

O Foro Económico de Galicia sinala un cambio de patrón no crecemento da economía galega a prol do consumo interno.
Presentación do IV Informe de Conxuntura Socioeconómica. (Foro Económico)
photo_camera Presentación do IV Informe de Conxuntura Socioeconómica. (Foro Económico)

As exportacións volveron caer no terceiro trimestre do ano e a condicionar o crecemento da economía galega, da que tira agora a demanda interna. Segundo os datos do último Informe de Conxuntura Socioeconómica presentado esta quinta feira polo Foro Económico de Galiza, son xa seis os trimestres nos que decrecen de forma consecutiva as exportacións. Desta vez o impacto negativo no PIB é de 1,2 puntos, unha décima máis que no trimestre anterior. Con todo, o importe total das exportacións ascende a 5.549,4 millóns de euros, o que representa o 32,1% do PIB galego, porcentaxe inferior ao obxectivo de 40% fixado para7 2020.

O coordinador do informe, Fernando González Laxe, debullou os síntomas de “debilitación” da economía galega, que por primeira vez após 14 trimestres consecutivos ten unha taxa de crecemento interanual por baixo da española (1,7% fronte 2%). Neste senso, alerta de que a economía galega crece, pero retrocédese a niveis de “fai cinco anos”. 

Cambio de patrón

Laxe Identifica un “cambio de patrón” que considera “moi significativo” na Galiza ao basearse na demanda interna, pois a contribución das vendas ao exterior, especialmente no sector da automoción, están en caída desde 2018. De feito, as exportacións seguen a ter en Francia e Portugal os seus principais mercados, pero non son quen de ampliar a rede de vendas. A este respecto, observa unha moderación no investimento empresarial no terceiro trimestre, cun menor peso da aposta en Galicia no investimento en I+D+i. E é que demanda políticas que fomenten a atracción para un maior dinamismo empresarial. Con todo, o ex presidente da Xunta reflexiona sobre que 2020 será ano de eleccións autonómicas, polo que espera un maior investimento público.

Comentarios