Saldo exterior 2022: a Galiza exporta máis produtos, pero as importacións medran o dobre

O país contabilizou un saldo positivo de 2.802 millóns de euros.
A China foi a principal fonte de importación á UE durante este ano (Foto: Joe Giddens / PA Wire / DPA).
photo_camera Os produtos que inflúen máis positivamente no comportamento das exportacións son os combustíbeis e aceites minerais. (Foto: Joe Giddens / PA Wire / DPA)

As exportacións de produtos galegos situáronse ao remate de 2022 en 29.892 millóns de euros, o que supón un crecemento de 18,3% en comparanza co ano anterior, mentres que as importacións medraron case o dobre, 34,8%, representando perto de 27.189 millóns.

Así se desprende do Informe de Comercio Exterior publicado esta quinta feira polo Instituto Galego de Estatística (IGE) que sinala que o país contabilizou un saldo positivo de 2.802 millóns de euros que é, porén, 45% inferior ao resultado de 2021.

No conxunto do ano, os produtos que inflúen máis positivamente no comportamento das exportacións son os combustíbeis e aceites minerais (6,3%), as pezas de vestir non de punto (2,8%) e as pezas de vestir de punto (1,5%). Pola contra, as exportacións de barcos e embarcacións influíron de forma negativa (-1,8%).

No lado das importacións, tamén os combustíbeis foron os que achegaron un maior peso no seu crecemento (14,4%), mentres que os vehículos automóbiles tractores empurraron cara abaixo esta estatística (-1,7%).

Só en decembro, as exportacións galegas creceron 11,9%, até 2.403 millóns, mentres que as importacións subiron 15,5%, cuns 2.138 millóns, deixando así un saldo exterior positivo de 264 millóns de euros.

Pola súa parte, as exportacións do conxunto do Estado español subiron 22,9% en 2022, con 389.208 millóns de euros, mentres que as importacións aumentaron 33,4%, até 457.321 millóns, deixando un saldo negativo de -68.112 millóns.

E nos países da Unión Europea os rexistros de decembro de 2022 deixan un incremento de 72,7% das exportacións e de 44,3% no caso das importacións, cun saldo positivo de perto de 800.000 millóns de euros.

Comentarios