As exportacións e importacións galegas aumentaron 37,3% e 47% en xaneiro con respecto ao ano pasado

O estudo aínda non recolle o posíbel impacto negativo no saldo comercial galego da guerra en Ucraína e das sancións a Rusia.
Liña de montaxe de PSA-Citroen en Vigo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Liña de montaxe de PSA-Citroen en Vigo. (Foto: Europa Press)

As exportacións galegas supuxeron en xaneiro deste ano 2.005 millóns de euros, 37,3% máis que no mesmo mes de 2021, mentres que as importacións aumentaron 47% no primeiro mes de 2022, até os 1.830 millóns de euros.

Segundo os datos publicados nesta quinta feira polo Instituto Galego de Estatística (IGE), o saldo comercial da Galiza foi positivo, situándose en 174,64 millóns de euros.

Os produtos que máis influíron positivamente nas exportacións en xaneiro foron os automóbiles e tractores, cun peso de 30,9% do total, 620,6 millóns de euros, 9,6% máis que en xaneiro de 2021. A roupa "non de punto" supuxo 9,5% do total, até 191 millóns, 5,5% máis, e os combustíbeis e aceites minerais 7,6% do total, até 152 millóns de euros, 7,3% máis.

No apartado de importacións, os produtos máis importados son, ao igual que nas exportacións, os automóbiles e tractores, cun gasto de 491,4 millóns de euros, 23,4% máis que en xaneiro de 2021, e 26,8% do total das importacións na Galiza. Combustíbeis e aceites minerais ocuparon o segundo lugar, con 217,6 millóns, 11,9% do total e 6,3% máis que o ano pasado, e en terceiro lugar a fundición e a siderúrxica, con case 88 millóns, 4,8% do total e 3,2% máis.

Como afecta a guerra de Ucraína ao saldo comercial?

Nos once primeiros meses de 2021 a Galiza exportou a Ucraína por valor de case 103 millóns de euros e vendeu a Rusia produtos e mercadorías por 113 millóns. Entre ambos os dous suman 216 millóns de euros. 

Que foi o que máis exportamos? Automóbiles aos ucraínos (48 millóns de euros) e téxtil aos rusos (30 millóns). A Ucraína o segundo que máis lle vende a Galiza é peixe conxelado, por valor de 25 millóns de euros; e produtos da nosa industria química, como insecticidas, uns 15 millóns de euros. Disto último tamén vendemos a Rusia e por un valor de perto de 30 millóns de euros. Nomes internacionais como Inditex, por achegar outro dato, teñen 521 tendas en Rusia e 72 en Ucraína.

Entre xaneiro e novembro na Galiza importamos produtos de Rusia por valor de 279 millóns de euros e de Ucraína por 130 millóns. De Moscova mercamos nomeadamente petróleo, por 185 millóns de euros, e carbón (17 millóns). De Kiev, aceite de xirasol (75 millóns) e millo (41 millóns, 28% do tráfico de graneis do Porto de Marín procede de Ucraína). 

E a isto hai que engadir un panorama de sancións a Rusia e de vetos a produtos agrarios europeos pola Federación rusa na que "en xeral, sempre saímos perdendo", explíca ao Nós Diario o economista Albert Carreras. O economista Marcelino Fernández Mallo lembra a este xornal, nese sentido, o peso da Galiza en sectores como o de leite e carne.

Comentarios