As exportacións galegas medraron 17,2% en novembro

As vendas ao exterior deixaron na Galiza 2.463,9 millóns de euros en novembro de 2021, segundo o IGE.
Os paros na planta viguesa de Stellantis continuarán ao longo de 2022 (Foto: Marta Vázquez / Europa Press).
photo_camera Factoría de Stellantis en Vigo (Foto: Marta Vázquez / Europa Press).

A Galiza rexistrou vendas ao exterior por valor de 2.463,9 millóns de euros en novembro de 2021, o que supón 17,2% máis que no mesmo mes do ano anterior, segundo as cifras que publica esta cuarta feira o Instituto Galego de Estatística (IGE).

Após un outubro no que as exportacións se dispararon 65%, cinco veces máis que a media estatal, as vendas ao exterior da economía galega manteñen o seu balance positivo, aínda que por detrás do conxunto estatal, que presenta un incremento do 22,6% respecto de novembro de 2021.

Na media do que vai de ano, entre xaneiro e novembro, a Galiza alcanza xa os 23.122,7 millóns en exportacións, un 22,2% máis en comparativa co mesmo período de 2020 e un punto por encima da media estatal (21,2%).

Así as cousas, a Galiza é o sexto territorio do Estado con mellor comportamento no que vai de 2021 e dispón dun saldo positivo de 4.858,4 millóns entre exportacións e importanciones, mentres que a balanza comercial a nivel estatal continúa negativa en novembro.

Segundo os datos do IGE, o incremento nas exportacións durante o undécimo mes do ano débese ao bo comportamento das vendas de combustíbeis e aceites minerais, que soben un 220,5% e representan o 8% sobre o total.

As pezas de vestir, que en outubro foron responsábeis do auxe do 65% das exportacións galegas, creceron en novembro un 5,6% nas que non son de punto e un 4% nas de punto.

Por países, as exportacións baixan un 39,5% a Francia, principal mercado da economía galega; pero aumentan a Portugal (+38,3%), Italia (+134,1%), Alemaña (+96,5%), Países Baixos (+108,1%) e Bélxica (+205,2%).

Comentarios