As exportacións galegas caen case 15% nos sete primeiros meses do ano

O dato podería ser peor de non ser pola alza de 4,3% no mes de xullo
Porto exterior de Punta Langosteira. (Foto: Autoridade Portuaria da Coruña)
photo_camera Cargueiros no porto exterior de Punta Langosteira (Foto: Autoridade Portuaria da Coruña)

As exportacións caeron 14,3% no primeiros sete meses do ano na Galiza en relación co mesmo período do ano anterior, até situarse en 10.607,87 millóns de euros, segundo un informe que vén de facer público o Instituto  Galego de  Estatística (IGE).

Con todo, o volume de exportacións de xullo, mes no que o dato se elevou até os 1.957,36 millóns de euros, supón un incremento de 4,3% en taxa interanual.

Pola súa banda, as importacións baixaron 22,4% até agosto, por un importe de 8.949,27 millóns de euros, e tras descender 14,3% en xullo (cando o valor do importado situouse en 1.482,2 millóns de euros).

Por produtos

Os produtos con maior influencia positiva nas exportacións de xullo foron os vehículos automóbiles e tractores, cun peso de 35,2% sobre o total e unha taxa interanual de 74,6%.

Por contra, a repercusión máis negativa foi a das pezas de vestir non de punto, combustíbeis e aceites minerais e barcos e embarcacións.

A carón das importacións, a influencia máis negativa foi a dos combustibles e aceites minerais, mentres que a repercusión negativa centrouse en materiais plásticos e as súas manufacturas.

Por destino

As expedicións dirixidas á Unión Europea en xullo presentaron unha variación interanual de 10%, e entre os países con que o peso do comercio é significativo os maiores ascensos foron os de Francia (50,2%), Bélxica (37,4%), Alemaña (14,1%) e Italia (7,2%). Os maiores descensos, Países Baixos (-37,8%) e Portugal (-6,2%).

No caso das introducións da UE, a diminución foi do 9,9% debido a unha baixada xeneralizada das compras á maioría dos países representativos.

Comentarios