As exportacións aumentan na Galiza un 40,2% en setembro

Saldo comercial interanual é positivo na Galiza. datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) apuntan un aumento das exportacións e das importacións no país. 
Peirao de carga no porto de Vigo (Foto: Autoridade Portuaria de Vigo).
photo_camera Peirao de carga no porto de Vigo (Foto: Autoridade Portuaria de Vigo).

As exportacións galegas aumentaron un 40,2% no mes de setembro en taxa interanual, mentres que as importacións creceron un 70,7%, segundo datos publicados esta sexta feira polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Estas subas están por enriba das rexistradas no conxunto do Estado español, onde as exportacións incrementáronse un 22,2% en setembro e as importacións, un 35,4%.

En concreto, a Galiza exportou produtos por valor de 2.884 millóns de euros en setembro, así como por 22.096 millóns nos nove primeiros meses deste ano (+30,1%). Pola súa parte, as importacións alcanzaron os 2.547 millóns en setembro e os 19.903 millóns (+41,2%) nos tres primeiros trimestres do ano.

Desta maneira, o saldo comercial galego foi positivo en setembro, con 337 millóns, así como no que vai de ano, con 2.192 millóns. Isto non ocorre no total do Estado español, onde en setembro rexistrouse un saldo comercial negativo de -6.975 millóns de euros e no que vai de exercicio de -53.437 millóns de euros.

Os produtos con maior influencia positiva nas exportacións galegas en setembro foron as "Pezas de vestir, non de punto", que aumentaron un 137,5%, seguidas polas "Pezas de vestir, de punto", que subiron un 162,6%, e os "Vehículos automóbiles, tractores", cun aumento total do 30,4%.

Sobre ás importacións con outros países, os 'Vehículos automóbiles tractores' (+258,8%), os 'Combustíbeis, aceites minerais' (+125,1%) e as 'Pezas de vestir, non de punto' (+129,7%) foron os que máis fixeron que aumentasen.

Medran as exportacións ao Reino Unido 

En relación coas zonas xeográficas de destino, as exportacións galegas dirixidas a países da Unión Europea (un 73,4% do total) presentaron unha taxa de variación interanual do 54,5%. Con respecto ao resto de estados, o informe do IGE destacou o aumento de envíos a Reino Unido (+47,6%) e a diminución de vendas con destino Marrocos (-7,2%).

Sobre as importacións, o 42,6% do total provía de Europa, un 94,5% máis. Ademais, produciuse un aumento dos produtos mercados a China (+124,9%) e a Libia (+347,3%) e unha diminución dos procedentes de Estados Unidos de América (-63,7%).

Comentarios