Seis explotacións de leite fecharon cada semana no primeiro trimestre

Entre xaneiro e marzo tiveron que botar o feche 75 granxas en Galiza. O ano pasado nese mesmo período fixérono 84.

Entre xaneiro e marzo tiveron que fechar en Galiza 75 granxas de leite. O ano comezou con 8.476 explotacións en Galiza e marzo despediuse con 8.401. Cada semana, logo, desapareceron seis destas granxas no noso país. Nese mesmo período, no estado español fecharon 189 explotacións, polo cal as galegas representan o 40% do total. Un dato preocupante mais que supón unha mellora a respecto de 2016, un ano no que os peches galegos eran o 60% do total estatal. Son datos do 'informe mensual que publica Fega, Fondo español de garantía agraria, dependente do Ministerio de Agricultura.

Neste primeiro trimestre, o prezo ao que se paga o leite aos produtores pasou dos 30,4 céntimos o litro de xaneiro aos 30,2 de marzo. Mellor prezo que en 2016, ano que comezou co pagamento do litro de leite aos gandeiros galegos a 28 céntimos de media. Porén, o prezo continúa por baixo da media española. Así, en marzo de 2017 o importe que se paga é de 31,4 céntimos o litro, o que supón 1,2 céntimos máis que en Galiza.

Entre xaneiro e marzo a produción de leite en Galiza foi de 651.332 toneladas, o que representa o 37,4% do total de leite producido no estado español. Un 35,7% desa produción en Galiza vai con destino a outros territorios do estado español. Unha porcentaxe que é superior á que había neses tres meses de 2016, cando era o 34,3%. 

Comentarios