Unha explotación leiteira bota o ferrollo cada día na Galiza

Un total de 370 granxas fecharon durante o ano pasado.

XANCEDA GRANXA vacas leite

O 2020 comezou na Galiza con 7.092 granxas de leite operativas e despediuse con 6.722 en funcionamento. Polo camiño, 370 explotacións leiteiras botaron o fecho. Máis dunha por día.

Os dados do Fondo de garantía agraria (FEGA) indican tamén que Galiza é, máis unha vez, quen lidera no Estado a perda de explotacións. Nada raro, tendo en conta que producimos máis de 40% do leite do conxunto do Estado.

A isto hai que engadir que das por volta de 12.000 granxas que actualmente hai no conxunto do Estado as galegas representan máis da metade.

A perda de explotacións en 2020 ralentizou o ritmo de anos anteriores, onde ese fechamento de granxas leiteiras situábase por volta das 500 anuais, mais continúa producíndose.

Mais de 80% do leite galego é recollido, transformado e comercializado por empresas de fóra de Galiza e 33% dese leite sae de Galiza sen ningunha transformación, sendo as empresas de fora as máis beneficiadas polos baixos prezos que se pagan ás explotacións. “Galiza fica, entón, como subministradora de leite para beneficio destas empresas”, reflexionaban desde a Federación Rural Galega en 2018 a respecto da dificultade do sector agrogandeiro galego.

Obviar os custos das granxas

O aumento da produción do sector lácteo galego non está a beneficiar as granxas. Unha realidade que ten o seu último capítulo por agora na denuncia feita desde UUAA : a denuncia de que a industria continúa a introducir contratos de compra de leite sen ter en conta o aumento dos custos de produción, impondo na súa maior parte os mesmos prezos que o anos pasados.

Félix Porto, membro de UUAA, explica que desde 2019 até 2020 o aumento na produtividade foi de 3,9%, pasando de 2,8 millóns de toneladas a case os 2,9 millóns. Desde a Federación Rural Galega (Fruga) advertían recentemente que a renovación de contratos lácteos estes meses tradúcese máis unha vez, en “abusos” e “imposicións” da industria cara aos produtores.

Fruga resumía así a situación: “As industrias presentan unha oferta e o gandeiro non lle queda mais remedio que aceptala”. Suba constante Esta organización incide en que hai “unha suba constante e continúa dos custes de produción, derivada da suba dos concentrados. En cambio o prezo a percibir polo leite e similar o das campañas anteriores, nalgúns caso aínda mais baixo que o ano 2020”. Fruga responsabiliza ás industrias lácteas que operan na Galiza, “na súa maioría de capital foráneo”, de “facer o seu agosto” nas explotacións leiteiras galegas.

Na Galiza pagan os prezos mais baixos do Estado, e dos mais baixos da UE, “con calidades similares”, critican. A finais do pasado mes de febreiro, o Sindicato Labrego Galego (SLG) denunciaba que empresas como Lactalis ou Reny Picot están obrigando a asinar para a seguinte campaña á baixa. No caso da multinacional gala, explicaban desde este sindicato agrario, "resulta un agravio comparativo insultante, xa que mentres en Francia Lactalis pactou subas de prezo coas granxas que a fornecen, pagando un valor medio en 2020 de 36,9 céntimos, aquí, na Galiza, segue forzando prezos que non chegan aos 33 céntimos".

Comentarios