Expertas suxiren mobilizar o superávit das corporacións contra o coronavirus

Economistas do Grupo Gen da Universidade de Vigo propoñen adiar até final de ano os principais tributos municipais sen recargo para as cidadás.
Concello da Coruña (Xoán Roberes)
photo_camera Concello da Coruña (Xoán Roberes)

Os bancos teñen no seu poder máis de 25.000 millóns de euros do superávit dos concellos dos últimos anos. No caso dos galegos son 888 millóns, unha cantidade que non está a xerar ningún tipo de beneficio dada a actual política de tipos de interese e mesmo pode traducirse en custos extra para as administracións locais. As expertas propoñen darlle uso a estes cartos para evitar o custo das emisións de débeda ou adiar o pago de impostos.

Así o ven desde o grupo de investigación GEN da Universidade de Vigo os profesores Santiago Lago e Alberto Vaquero, que recollen a proposta do economista Diego Martínez de mobilizar estes recursos, xa que "sería unha actuación na que todas gañarían". 

Como sinalan estes economistas, a cambio dunha remuneración baixa, mais positiva, os municipios poderían obter un rendemento se investisen en activos de renda fixa e, ao mesmo tempo, o Tesouro Público lograría unha fonte de financiamento máis barata que as novas emisións
Pero ese remanente de tesourería tamén permitiría adiar até fin de ano e sen recargo os principais impostos locais. Segundo a liquidación de 2018 publicada pola Secretaría Xeral de Financiamento Autonómico e Local, os fondos líquidos de dito remanente ascenden na Galiza a 888 millóns de euros. 

Os impostos que as persoas expertas propoñen incluír nese plan serían o Imposto de Bens Inmóbeis (IBI), o Imposto de Actividades Económicas (IAE) e o Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM), que o pasado ano supuxeron uns ingresos para as arcas locais de 822 millóns de euros. Quedarían á marxe a plusvalía municipal e o Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO), por tratarse de impostos de natureza accidental. 

A Coruña toma a iniciativa

No eido da lexislación tributaria, apuntan as expertas, tampouco suporía un gran problema, xa que bastaría con modificar o calendario do contribuínte estabelecendo novos períodos de pago. 

Precisamente, iso é o que vén de facer o Concello da Coruña. A alcaldesa, Inés Rey, anunciou un paquete de medidas para "paliar unha pequena parte da crise económica" que se deriva deste confinamento. Entre esas medidas está a confección dun novo calendario de pago de tributos que deixa o cobro IVTM entre o 2 de marzo e o 30 de xuño, e o do IBI, do 5 de maio ao 13 de outubro. No referente ao imposto sobre actividades económicas (IAE), taxas de recollida de lixo, actividades comerciais e industriais, vaos, cemiterios e aparellos distribuidores, o período para efectuar o pagamento mantense desde o 14 de setembro até o 4 de decembro.

Comentarios