Os bancos teñen no seu poder máis de 25.000 millóns de euros do superávit dos concellos dos últimos anos. No caso dos galegos son 888 millóns, unha cantidade que non está a xerar ningún tipo de beneficio dada a actual política de tipos de interese e mesmo pode traducirse en custos extra para as administracións locais. As expertas propoñen darlle uso a estes cartos para evitar o custo das emisións de débeda ou adiar o pago de impostos.
Así o ven desde o grupo de investigación GEN da Universidade de Vigo os profesores Santiago Lago e Alberto Vaquero, que recollen a proposta do economista Diego Martínez de mobilizar estes recursos, xa que "sería unha actuación na que todas gañarían".
Como sinalan estes economistas, a cambio dunha remuneración baixa, mais positiva, os municipios poderían obter un rendemento se investisen en activos de renda fixa e, ao mesmo tempo, o Tesouro Público lograría unha fonte de financiamento máis barata que as novas emisións.
Pero ese remanente de tesourería tamén permitiría adiar até fin de ano e sen recargo os principais impostos locais. Segundo a liquidación de 2018 publicada pola Secretaría Xeral de Financiamento Autonómico e Local, os fondos líquidos de dito remanente ascenden na Galiza a 888 millóns de euros.
Os impostos que as persoas expertas propoñen incluír nese plan serían o Imposto de Bens Inmóbeis (IBI), o Imposto de Actividades Económicas (IAE) e o Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM), que o pasado ano supuxeron uns ingresos para as arcas locais de 822 millóns de euros. Quedarían á marxe a plusvalía municipal e o Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO), por tratarse de impostos de natureza accidental.
A Coruña toma a iniciativa
No eido da lexislación tributaria, apuntan as expertas, tampouco suporía un gran problema, xa que bastaría con modificar o calendario do contribuínte estabelecendo novos períodos de pago.
Precisamente, iso é o que vén de facer o Concello da Coruña. A alcaldesa, Inés Rey, anunciou un paquete de medidas para "paliar unha pequena parte da crise económica" que se deriva deste confinamento. Entre esas medidas está a confección dun novo calendario de pago de tributos que deixa o cobro IVTM entre o 2 de marzo e o 30 de xuño, e o do IBI, do 5 de maio ao 13 de outubro. No referente ao imposto sobre actividades económicas (IAE), taxas de recollida de lixo, actividades comerciais e industriais, vaos, cemiterios e aparellos distribuidores, o período para efectuar o pagamento mantense desde o 14 de setembro até o 4 de decembro.