'Experimento Gotemburgo': xornada laboral de 6 horas

A segunda cidade sueca testa en empregados públicos se traballar menos e co mesmo salario é bo para a saúde, a felicidade dos traballadores.... e tamén para a produtividade.

gotemburgo
photo_camera Gotemburgo

Reducir a xornada laboral de 40 horas semanais é unha das demandas da esquerda sueca que desde principios da década dos 90 do século pasado foi collendo pulo até conformar un dos alicerces nos seus programas electorais. Algo que une social-demócratas (SAP) e esquerdistas (Vänsterpartier, Partido da Esquerda) mais que é visto con desconfianza tanto polos partidos de centro como de dereita. Até o de agora, a redución da xornada de laboral centraba debates teóricos, informes e estudos universitarios. Mais, desde hai uns meses, é o eixo no que se centra un 'experimento' que decorre en Gotemburgo e do que se espera ter resultados a finais do presente ano ou comezos do 2016.

En abril do ano pasado o goberno local de Gotemburgo, segunda cidade sueca, con case un millón de habitantes na súa área metropolitana; aprobou activar un proxecto dun ano de duración polo cal a metade dos empregados públicos traballaría 8 horas e a outra metade 6 horas diarias (mantendo o mesmo soldo). Finalizado o prazo, procederíase a avaliar cal das 2 xornadas é máis beneficiosa para a saúde dos empregados, para o benestar familiar e social, e tamén para a produtividade.

Mentres en Suecia implementan reducir a xornada laboral, en Galiza -segundo informe Consello Relacións Laborais- temos as xornadas laborais con máis horas desde hai 20 anos

Por agora?

Até o de agora, e segundo os responsábeis do Concello de Gotemburgo, os resultados están a ser positivos. Así o manifestou Matts Pilhem, tenente-alcalde (Partido da Esquerda) en declaracións a xornais suecos. Diferentes medios do país e internacionais están a facer reportaxes falando con empregados participantes no programa ou con responsábeis dos centros onde se desenvolven. 'The Guardian' centrouse nunha residencia pública na que 86 empregados adoptaron a xornada de 6 horas. Entrevistou traballadores e tamén a dirección do centro. Todas as voces foron a prol do novo horario.

Este paso que está a dar a administración pública en Gotemburgo xa o deron hai anos na cidade coñecida como 'A pequena Londres' algunhas empresas do sector privado. A máis importante, a factoría de automóvles Toyota. Alí levan 13 anos co horario de seis horas e non pensan volver ao de 8 horas. O director xerente da factoría, Martin Back, salienta que coa nova xornada descenderon os erros e deficiencias no traballo.

A factoría de Toyota na cidade sueca leva 13 anos con xornada de 6 horas/día 

E Galiza?

O Consello Galego de Relacións Laborais deitaba nun informe de 2013 dados sobre como os asalariados en Galiza cada vez traballan máis horas. Menos soldo, máis traballo é o resume dun panorama laboral en Galiza sobre o que veñen alertando sindicatos e axentes sociais desde hai tempo. O propio presidente do Consello Galego de Relacións Laborais, Demetrio Fernández subliñaba que estabamos perante o aumento de salario "máis baixo desde que hai rexistros, hai 20 anos”. E, ao mesmo tempo, a xornada de traballo, con todo, é "o máis grande" do mesmo período. Foron acordadas en media anual 1.792 horas. Ademais, case todos os contratos asinados este ano reflicte a clasificación en grupos, e no 30% deles existe a posibilidade de distribuír irregularmente a xornada.

Comentarios