Exixen que Mercadona cumpra a palabra dada ás e aos gandeir@s e suba 1,25 céntimos o prezo do leite na Galiza

A provedora desta cadea de distribución, Iparlat, mantivo xuntanzas nestes días con produtor@s da Terra Chá e comprometeu un incremento na cantidade que paga por este alimento. A central agraria reclama que deixe de ser un produto reclamo, pois 66.000 empregos dependen do sector leiteiro

O Sindicato Labrego Galego (SLG) vén de lle reclamar á distribuidora de alimentación Mercadona que faga efectiva "con carácter urxente" a súa promesa de subir o prezo do leite 1,5 céntimos no vindeiro pagamento, tal e como comprometeron varias empresas leiteiras nas reunións mantidas nestes días con produtor@s da Terra Chá, entre elas Iparlat, a provedora da empresa que dirixe Juan Roig.

Así as cousas, a central agraria que encabeza Isabel Vilalba á fronte da secretaría xeral recorda que o litro deste alimento vai a 27 céntimos, mentres os custos de produción superan os 37 e fronte ás cifras de maio e xuño, cando @s gandeir@s cobraban 29,2 céntimos por litro.

Aínda así, xa daquela o prezo estaba un 5,5% por debaixo da media estatal e 15,61% por baixo do que recibían @s produtor@s de Valencia --Mercadona é unha cadea de distribución valenciana--. Mais seguimos coas cifras: o prezo percibido na Galiza era un 5,48% inferior ao de Portugal, un 1,10% inferior ao de Francia, un 5,65% inferior ao de Alemaña e un 12,16% inferior ao de Holanda.

Mercadona conta cunha cota de mercado do 13,5% no conxunto do estado, e reparte en 1.383 supermercados. O SLG non quere implicar unicamente esta distribuidora, senón todas as que comercializan con leite galego, exixindo "un equilibrio" no reparto dos beneficios e que deixe de usarse este alimento como produto reclamo "impondo a produtoras e produtores prezos moi por debaixo dos custos de preodución". Recuperando os datos antes achegados, cómpre sinalar que entre abril e agosto o prezo dos cereais que se empregan no penso subiu un 21%, pasando a soia de 441 dólares a tonelada a 609 entre xaneiro e xullo deste ano.

O sindicato calcula que son máis de 66.000 os empregos --directos e indirectos-- que dependen do sector leiteiro, mais a "continua" perda de poder adquisitivo nas explotacións provocou unha caída da renda do 43%. E é que desde o ano 2005 --antes da última suba-- os custos de produción subiron un 29,6%: os alimentos para o gando subiron un 33,9%, os fertilizantes un 60,2% e os gastos enerxéticos un 50,4%.

Comentarios