Bruxelas confirma que espera ter o expediente do tax-lease resolto antes do verán

A eurodeputada Ana Miranda e unha delegación da CIG-Metal mantiveron un encontro co responsable do expediente, Alain Alexis, ao que espuxeron os prexuizos da paralziación para o sector 

Foto: Delmi Álvarez
photo_camera Foto: Delmi Álvarez

O BNG demanda á Comisión Europea que valore as consecuencias socioeconómicas que ten para a comarca de Vigo o sector do naval e que estas sexan tidas en conta á hora de concluír o expedide ente aberto contra o antigo sistema de bonificación fiscal, tax-lease, que ten paralizada a contratación de buques nos estaleiros galegos desde fai case dous anos. A eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, transmitiu esta petición ao xefe de unidade da Dirección Xeral de Competencia responsable do expediente do tax-lease, Alain Alexis,nunha reunión na que estiveron presentes representantes da CIG-Metal.

Miranda trasladou á Comisión Europea que os prazos corren en contra do sector naval galego, "asfixiado pola incertidume que provoca unha espera que xa se prolonga dous anos e que está impedindo, na práctica, que se formalicen novos contratos". Neste sentido, a resposta do Executivo da UE foi que esperan ter resolto o expediente antes do verán.

Decisión política

A eurodeputada fixo fincapé na importancia deste expediente, "que merece unha resposta política" máis alá de consideracións xurídicas, "porque está en xogo a viabilidade dun sector económico esencial para Galiza, e este aspecto debe ser tido en conta polo comisario Almunia e polo Goberno do Estado que, en última instancia, foi quen estableceu o sistema de bonificacións fiscais".

A parlamentar salientou que, con independencia do resultado do expediente, "en ningún caso os estalerios galegos deben asumir ningún tipo de penalización, tendo en conta que se limitaron a aplicar unha normativa aprobada polo Estado español", concluíu.

Comentarios