As execucións hipotecarias solicitadas na Galiza soben mentres caen as demandas por ocupación ilegal

En 2021 os xulgados galegos recibiron 17% menos de demandas por ocupación ilegal que no ano da pandemia; porén repuntaron en 16% as solicitudes de execución hipotecaria.
Acción de Stop Desafiuzamentos ante o Concello de Lugo, en 2020 (Foto: Stop Desafiuzamentos Lugo).
photo_camera Acción de Stop Desafiuzamentos ante o Concello de Lugo, en 2020 (Foto: Stop Desafiuzamentos Lugo).

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de informar, a través dun comunicado de prensa, de que as execucións hipotecarias solicitadas na Galiza repuntaron 16% en 2021, segundo conclúe o informe 'Efectos da crise económica nos órganos xudiciais'.

Así, o pasado ano rexistráronse 893 demandas, fronte ás 772 de 2020; isto é, 15,7% máis. O TSXG, aliás, salienta que o ano anterior ao estoupido da pandemia, 2019, deixara a cifra máis baixa en 14 anos, con 758 solicitudes, o que supón un aumento de 17,8%.

Estes datos tamén reflicten un incremento de 19,2% no número de lanzamentos practicados polos xulgados da Galiza en 2021, ao pasar de 1.398 no ano anterior a 1.667. Porén, en 2019 contabilizáranse 2.271 (26,6% máis que en 2021).

Dos 1.667 lanzamentos practicados, 1.294 (77,6%) foron consecuencia de procedementos derivados da Lei de Arrendamentos Urbanos (LAU), isto é, pola falta de pagamento do alugueiro.

Ademais, 336 corresponderon a execucións hipotecarias, mentres que os 37 restantes tiveron outros motivos. O TSXG lembra que "os lanzamentos afectan distintos tipos de inmóbeis, non só vivendas, e, no caso destas, non só a vivenda habitual".

Por outra parte, o informe sinala que en 2021 os xulgados galegos recibiron 78 demandas por ocupación ilegal de vivendas en casos nos que os propietarios son persoas físicas, entidades sen ánimo de lucro ou entidades públicas posuidoras de vivenda social, unha cifra inferior á do ano anterior, 94 (-17%).

Concursos

Noutra orde, o estudo indica que o pasado ano se solicitaron 313 concursos nos xulgados mercantís, fronte aos 285 de 2020 (-9,8%). Deles, 200 corresponderon a persoas xurídicas e 113 a persoas físicas empresarias.

No que atinxe aos expedientes do artigo 64 da Lei Concursal, relativos á modificación substancial das condicións de traballo de carácter colectivo, na Galiza contabilizáronse, o ano pasado, 50, 11 % máis que en 2020, cando se rexistraron 45.

Aliás, caeron en 11% as demandas por despedimento, pasando das 5.461 do ano da pandemia ás 4.851 de 2021.

Comentarios