As execucións hipotecarias caen por quinto ano na Galiza

Os bancos realizaron 261 execucións hipotecarias o pasado ano na Galiza, 6,8% máis.
Oficina bancaria (Foro: Arxina).
photo_camera Descenden as execucións hipotecarias na Galica (Arxina).

Galiza acumula xa cinco exercicios consecutivos con descensos no que a execucións hipotecarias sobre vivendas se refire. Segundo os datos publicados onte polo Instituto Nacional de Estatística (INE), en 2019 rexistráronse 261 operacións desta natureza, o que supón 6,8% menos en relación ao ano anterior e o quinto descenso desde 2014, que é cando comeza a serie histórica.

O dato fai referencia as vivendas de persoas físicas, xa que as de persoas xurídicas incrementáronse notabelmente o pasado ano, 42,2%, até as 1.132, unha cifra que contrasta coas 796 de 2018. Neste caso, as execucións a persoas xurídicas acumulan xa na Galiza tres exercicios consecutivos de subas.

En total, o ano pasado foron 2.667 as fincas que rexistraron certificacións por execucións hipotecarias na Galiza, 35,4% máis. Destas, un centenar eran sobre fincas de natureza rústica, 114 solares, 1.393 vivendas (1.200 de segunda man e 193 de nova construción) e 1.060 corresponden ao epígrafe outras fincas urbanas.

Cuarto trimestre

No que atinxe aos datos do cuarto trimestre de 2019, o total de execucións descendeu a 465, o que supón 44% menos que non mesmo período de 2018. Destas, 27 foron sobre fincas rústicas e o resto en urbanas, con 230 vivendas (64 novas e 166 de segunda man), 19 solares e 189 fincas urbanas doutra tipoloxía. As execucións de vivendas a persoas xurídicas superaron as de persoas físicas, con 189 e 41, respectivamente.

No conxunto do Estado español, a estatística revela que 23,9% das execucións hipotecarias iniciadas sobre vivendas en 2019 corresponde a hipotecas constituídas en 2007; 16,2% a hipotecas subscritas en 2008 e 13,3% a hipotecas firmadas en 2006. Ampliando o espectro a  2005-2008, este período concentra 60,3% das execucións iniciadas o pasado ano. Neste senso, o INE lembra que non todas as execucións de hipoteca terminan co desafiuzamento.

Comentarios