A execución dos Plans de Mellora no ar pola "intransixencia" da Xunta

Fruga fala de "dubidosa legalidade" no proceder.
Vacas nunha explotación leiteira (Xunta).
photo_camera Vacas nunha explotación leiteira (Xunta).

A Xunta non ampliará o prazo da concesión de licenza de obra para os plans de mellora, mantendo o 15 de setembro como data para a entrega dos permisos.

Nin tan sequera se prolonga os 79 días do estado de alarma, lamentan desde a Fruga, tal como recolle a disposición adicional terceira de suspensión dos prazos administrativos, do Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma, que expresamente di que se "interrompen os prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público.

O cómputo dos prazos retómanse no momento en que perda vixencia este decreto”, proceder da Consellaría do Medio Rural que para a Federación Rural Galega parece de "dubidosa legalidade".

Con esta medida, indica a organización, unha boa parte dos plans de mellora aprobados inicialmente, van ter dificultades para poder executarse, e para poder percibir a subvención pertinente, "co cal nos atopamos ante unhas perdas considerábeis para moitos titulares de explotación galegos, como consecuencia da falla de vontade da Xunta para arranxar este problema".

A Xunta, prosegue, debería facilitar todo tipo de trámites para que as explotacións perciban estas axudas ás que teñen dereito. "Ademais, estamos a falar dunha serie de gandarías, que estaban a realizar investimentos tanto na modernización das súas granxas, como na ampliación das súas instalacións, co único fin de lograr unha maior produtividade na súa actividade agrogandeira".

"Todo indica que os seus intereses son outros, queren converter este país nun eucaliptal que garanta materia prima barata para certas industrias galegas".

Desde Fruga solicitan á Xunta que dea "marcha atrás nesta decisión, e que non obstaculice o cobro destas axudas, tan necesarias para conseguir unhas explotacións eficientes e viábeis". 

Comentarios