Ex presidentes da patronal piden a demisión de Antón Arias por apoiar un referendo pactado en Catalunya

José Manuel Fernández Alvariño, presidente da Confederación de Empresarios de Galiza (CEG) e Antonio Diéter Moure, presidente entre xaneiro e outubro de 2016, solicitaron a cabeza do actual presidente da patronal, Antón Arias, quen públicamente se amosou favorábel á negociación e ao diálogo entre Goberno central e Generalitat.

AntonArias
photo_camera Antón Arias, presidente da CEG

As declaracións do presidente da CEG, Antón Arias, sobre o referendo catalán espertaron o malestar nos seus antecesores, José Manuel Fernández Alvariño e Antonio Diéter Moure. Nunha entrevista concedida á Radio Galega, Arias apostou no diálogo e na negociación entre Goberno central e Generalitat, motivo que levou os ex presidentes da patronal a pedir a súa demisión.

Arias sinalou que vería “ben” un referendo pactado en Catalunya. O feito de que posteriormente matizase que se trataba dunha “opinión persoal” e non “institucional” non calmou os ánimos entre os seus antecesores, que consideran a posición do presidente “claramente contraria á constitución española”. Alvariño e Diéter advertíronlle ao respeito que “representa os empresarios galegos as 24 horas do día”, que as declaracións “contrarias ao espírito empresarial” foron emitidas desde o cargo e que, en consecuencia, son “moi graves”.

Antecedentes

Non é a primeira vez que os ex presidentes solicitan a demisión de Arias. En abril de 2017 reclamárona ao considerar que existe unha “enorme fractura” entre o norte e o sur do país e ante a “falta de liquidez total” que, segundo aseguraron, implica o impago a provedores.

Anteriormente, Arias pronunciárase en contra da reforma laboral e a favor dun incremento salarial, cuestións que provocaron airadas reaccións por parte dos seus antecesores no cargo.

Comentarios