O ex-presidente de Pescanova, multado con medio millón de euros

Manuel Fernández de Sousa, de novo sancionado por irregularidades á hora de cumprir coa obriga de informar da súa participación en sociedades. Xa fora multado con 300.000 euros o mes pasado por "difundir datos inexactos" sobre a saúde de Pescanova baixo o seu mandato.

Fernández de Sousa
photo_camera Sousa

Segue a caída costa abaixo do outrora poderoso presidente de Pescanova, compañía que intenta saír da quebra namentres o seu antigo dirixente continúa o seu periplo xudicial. Desta volta, o Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou tres multas (unha de 300.000 euros e as outras de 100.000) impostas pola Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) a Manuel Fernández de Sousa, en ambos os casos "por incumprir as súas obrigas de comunicación de participacións significativas na compañía". A orde ministerial advirte unha "infracción moi grave tipificada na Lei do Mercado de Valores".

Unha das multas, a maior, recae directamente sobre o ex-presidente, e as outras dúas de 100.000 euros sobre empresas súas, Inverpesca e Sociedade Galega de Importación e Exportación de Carbóns. A resolución da CNMV pode ser recorrida ante a Audiencia Nacional.

Hai un mes, a CNMV xa impuxo unha multa de 100.000 euros a Pescanova e outra de 200.000 euros a Fernández de Sousa por difundir un ano antes "datos inexactos, non veraces e enganosos" sobre a saúde da compañía, cunha débeda millonaria que pon en perigo miles de empregos.

Comentarios