A evolución do crecemento do PIB cae do 2,6% ao 0,2% en só tres trimestres

A economía do Estado español desacelerou gravemente o seu crecemento trimestral. Fíxoo dous puntos entre xaneiro e marzo, até situalo en só o 0,2%, unha décima menos do apuntado nos datos avanzados no mes de abril. Son cifras de Contabilidade Nacional publicadas polo Instituto Nacional de Estatística na sexta feira.

A suba dos prezos déixase notar no cesto da compra. (Foto: Europa Press)
photo_camera A suba dos prezos déixase notar no cesto da compra. (Foto: Europa Press)

O Instituto Nacional de Estatística revisou esta sexta feira unha décima á baixa o crecemento do Produto Interior Bruto (PIB) do Estado español do terceiro trimestre do ano, desde o 0,3% adiantado a finais de abril até o 0,2%.

A taxa é dous puntos inferior á rexistrada no cuarto trimestre de 2021, cando a economía repuntara 2,2 puntos. Crecera, ademais, 2,6 puntos no terceiro trimestre de 2021, o que evidencia un freo significativo na recuperación da pandemia.

Este mesmo mes de xuño, o Banco de España revisara a baixa ás súas previsións de crecemento do PIB para o conxunto de 2022, precisamente porque a actividade se desacelerara máis do previsto no primeiro trimestre.

Caída do consumo

Un dos principais motivos foi o consumo dos fogares, que caeu un 2% a respecto do anterior trimestre, cunha caída da demanda estatal de seis décimas. Tamén destacan os descensos sufridos na industria (-1,8%, catro décimas máis do avanzado en abril); a agricultura (-3,2%, un punto máis) e a construción (-0,1%, fronte ao 0,3% que se indicara en abril).

Os datos do INE están por baixo da previsión do Banco de España, que en abril esperaba un crecemento de 0,9% no primeiro trimestre do ano. Desta maneira, tras lograr un 5,1% en 2021 -case punto e medio menos do agardado- a economía fica lonxe de recuperar os niveis anteriores á pandemia. O PIB atópase un 3,6% por baixo do nivel que posuía no cuarto trimestre de 2019.

A taxa interanual cae unha décima a respecto das previsións de abril

A respecto da taxa interanual, o PIB pasou do 5,5% do derradeiro trimestre de 2021 ao 6,3% actual, mais trátase dunha cantidade que é unha décima inferior á avanzada polo INE en abril. O crecemento interanual débese, explica Estatística, á achega do sector exterior, que achegou 2,3 puntos ao PIB interanual do primeiro trimestre.

Aínda así, a taxa interanual cae a respecto das previsións de abril, pois os datos avanzados entón para a taxa interanual apuntaban ao 6,4%. Facían o propio co 0,3% do crecemento trimestral. En ambos os casos, as cifras superaban nunha décima as publicadas esta sexta feira.

Por outra parte, o emprego creceu un 5,3% interanual no primeiro trimestre, cinco décimas menos que no trimestre anterior. Supón un aumento de 934.000 postos de traballo equivalentes a tempo completo nun ano.

Comentarios