Evitar que o motor da automoción gripe

Un documento da CIG-Industria recolle propostas xurdidas do debate cos traballadores da automoción para afrontar os retos dun sector cada vez máis precarizado.

automoción EUA FCA Fiat Crysler motor

A automoción galega facturou en 2017 máis de 8.800 millóns de euros, un sector que xera 20.800 postos de traballo directos. Representa 32% das exportacións de Galiza e o seu volume de negocio equivale a 14% do PIB de Galiza. Son dados que indican a importancia desta actividade no noso país. Consciente diso, CIG-Industria vén de presentar un documento con propostas para afrontar os retos dun sector que se está a transformar e que está a ser marcado cada vez máis por unha maior precariedade.

A desaparición a medio prazo dos motores diésel é un deses retos. ““É algo terribelmente negativo para o noso país, xa que a principal factoría asentada no noso territorio produce vehículos para profesionais e de baixo custe, sectores que mercan fundamentalmente automóbiles diésel”, manifestan desde o sindicato.

A central considera “fundamental” apostar por vehículos menos contaminantes (híbridos, eléctricos e híbridos a gas); así como polo coche autónomo, de alto valor engadido, e no que a industria galega está a quedar nunha posición moi feble a respecto doutros países.

Entre as propostas, e ademais da mencionada de apostar por vehículos con valor engadido e non de baixo custo, poñen riba da mesa contar cunha política enerxética de país que reduza os custes e permita maior competitividade mediante unha tarifa eléctrica propia; implementar un plan de rexuvenecemento dos cadros de persoal para garantir o relevo no sector; e que a formación profesional pública se adapte á nova realidade tecnolóxica derivada da coñecida como industria 4.0 ou cuarta revolución industria.

Tamén se propón a creación dunha mesa galega do automóbil integrada polo Clúster de Empresas de Automoción de Galiza (CEAGA), as centrais sindicais e as tres universidades; ou o compromiso de todo o sector de non afondar na precariedade laboral, non abusando da contratación por ETT, multiservizos ou centros especiais de emprego”.

Comentarios