A amnistía fiscal branqueou 1.500 millóns defraudados en Galiza

A amnistía do Goberno español recadou con esta operación 44,59 millóns, só un 3 por cento do aflorado. Os técnicos de Facenda elevaban en maio a fuga de capitais na terra ata os 5.233 millóns de euros por ano. 

Evasión fiscal

A evasión en Galiza xa ten unha cifra oficial. A amnistía fiscal do Goberno español, entre xuño e decembro de 2012, aflorou un total de 1.500 millóns de euros en bens ocultos de galegos, segundo ven de revelar o diario ‘Faro de Vigo’. Os datos evidencian que a recadación foi de menos do 3 por cento sobre o total, cando o Executivo de Rajoy fixaba a base impositiva entre un 8 e un 10 por cento.

Esta cantidade é inferior á real, posto que non tódolos defraudadores se acolleron á polémica medida. Os propios técnicos do Ministerio de Facenda (Gestha) cifraban en maio o custo para Galiza da evasión fiscal, que roldaría os 5.233 millóns de euros por ano. Cada galego paga desta forma 1.900 euros máis cada curso para compensar os cartos defraudados. O peso da economía somerxida representaría un 26 por cento do PIB galego, sempre segundo as estimacións de Gestha.

 O peso da economía somerxida representaría un 26 por cento do PIB galego

O Executivo central recadou coa amnistía fiscal só 44,59 millóns de euros, a quinta maior cantidade após Madrid, Catalunya, Valencia e Andalucía. A porta aberta para os defraudadores permitiu a implicados en corrupción e noutros ilícitos legalizar os seus delitos fiscais “a un prezo de saldo”, advertía Ghesta.

A medida provocou dende o seu anuncio severas críticas entre a oposición política, entre eles o BNG, que esixiu unha comisión de investigación no Congreso que foi rexeitada polo PP. O Goberno español tivo que dar marcha atrás logo de que se descubrira que, entre os favorecidos pola medida, encontrábase tamén o seu extesoureiro, Luis Bárcenas.

Comentarios