Euskaltel faise con R por 1.190 millóns en efectivo

A compañía basca informou á Comisión Nacional do Mercado de Valores da transacción que inicialmente prevía un pagamento mixto entre accións e efectivo.

Otiiplanet
photo_camera [Imaxe Otiiplanet]

A compañía de telecomunicacións galega, R, pasa a ser integramente do grupo basco Euskaltel. Así o confirmaron através dun comunicado remitido á Comisión Nacional do Mercado de valores onde notifican a compra por 1.190 millóns de euros en efectivo. 

Con esta transacción --que inicialmente prevían através dunha fórmula combinada de accións/efectivo-- Euskaltel adquire o 100% do capital social de R Brigrantium, sociedade titular do 70% R Cable máis o 30% que pertencía até o momento a Abanca. 

A decisión de mudar a forma na que foi adquirida a compañía galega devén, sinala Euskaltel, da mellora nas previsións operativas de R, embora será preciso que unha xunta de accionistas extraordinaria ratifique a operación. 

Segundo a entidade basca, a compra "dota o novo grupo de maior fortaleza, eficacia e capacidade de crecemento para competir nun mercado exixente como operador líder no norte do Estado [español]" mantendo, acrecentan, "a súa forte posición e compromiso na Galiza e Euskadi, onde ambas as dúas compañías gozan dun profundo arraigo". 

Comentarios