Os ministros de Economía da UE activan a conta atrás para impor a multa a España e Portugal

Activan o procedemento de sanción, que pode acadar o 0,2% do PIB e a conxelación de parte dos fondos estruturais. En 20 días, a Comisión cuantificará a envergadura da multa.

bruxelas eurogrupo Unión Europea

Os ministros de Economía e Finanzas da UE, Ecofin, activaron esta terza feira o proceso formal para sancionar o Estado español e Portugal polo incumprimento dos seus compromisos de redución de déficit. Os ministros adoptan así o ditame negativo que a semana pasada elaborou Bruxelas e que acredita na ausencia de medidas efectivas por parte de ambos os dous estados para correxir o desvío de déficit. Madrid e Lisboa estrean así o procedemento sancionador da UE para dilatantes ou incumpridores en materia de défict.

Nin o Estado español nin Portugal “tomaron medidas eficaces en resposta ás recomendacións do Consello de xuño de 2013”, afírmase no documento de Bruxelas que esta terza adoptaron os ministros comunitarios de Economía nunha votación na que nin españois nin portugueses poideron tomar parte. Iníciase a conta atrás de 20 días para que o Executivo da UE presenta unha proposta que cuantifique o calado da multa, que pode chegar até o 0,2% do PIB, para alén da conxelación de certos fondos estruturais comunitarios do 2017 para o Estado español e Portugal. Un 0,2% do produto interior bruto suporía para Madrid facer fronte a unha sanción de 2.000 millóns de euros. Mais ese é o tope, a multa máxima. O ministro español, Luis de Guindos, amosou xa a súa confianza en que o importe sexa moito menor e a multa se limite, dixo, “a cero”.

Agora ábrese un prazo de 10 días para que Portugal e o Estado español presenten as súas alegacións ao procedemento sancionador. De Guindos xa anunciou que esta cuarta feira entregarán dito documento, un informe no que farán fincapé nos esforzos asumidos nestes anos para saír da crise.

O presidente do Eurogrupo, o neerlandés Jeroen Dijsselbloem, xa solicitou a Lisboa e Madrid que nas súas respectivas cartas a Bruxelas opten por presentar medidas e compromisos concretos para correxir o desvío do déficit mais que en se laiar. Apontou que achegar actuacións que “resolvan os problemas” de certo “axudaría” á Comisión á hora de decidir sobre as sancións. As contas que botan desde o Eurogrupo é que o Estado español acabará cun déficit público do 3,9% en 2016 e do 3,1% en 2017. Non pensa así o goberno español, que mantén que acabaránm o ano por baixo do 3 por cento.

Comentarios