A Eurocámara expulsa a frota cefalopodeira do caladoiro de Mauritania

O Parlamento europeo ratificou esta terza feira o protocolo pesqueiro entre a UE e Mauritania. O acordo deixa fóra do caladoiro a frota cefalopodeira galega de maneira definitiva. 

Concentración na defensa da flota galega
photo_camera Concentración anterior na defensa da frota galega

Con 467 votos a favor e 154 en contra, a UE expulsou de maneira definitiva esta terza feira a frota cefalopodeira galega do caladoiro de Mauritania. En sesión plenaria a Eurocámara aprobou o protocolo pesqueiro no que faenarán 50 buques europeos, ningún deles de Galiza. 

O acordo alcanzado esta terza feira si beneficia @s mariscador@s de Andalucía e adxudicará axudas por valor de 67 millóns de euros.

Procurar alternativas para a frota galega
Os buques galegos que faenaban na costa mauritana levan xa 14 meses amarrados. Perante esta situación e a aprobación dun acordo pesqueiro que os expulsa definitivamente destas augas, os mariñeiros urxen unha solución. Ás súas demandas non tardaron en se sumar os grupos da oposición. Desde o BNG instaron á Comisión europea a comezar a traballar decontado na procura de alternativas para a frota galega. 

"É imperioso que se busquen novos caladoiros a través de procesos de negociación", sinalou a ex-deputada do Bloque no Parlamento europeo, Ana Miranda. Así mesmo, apuntou cara ás costas do Senegal e Guiné-Bassau, "caladoiros aptos" para a frota cefalopodeira. Miranda considerou "unha oportunidade perdida" a votación desenvolvida esta terza feira na Eurocámara, porén, acrecentou as institucións comunitarias deben iniciar de inmediato as negociacións con outros países. 

Tamén así, desde Alternativa galega lamentan que Europa ratificase un acordo pesqueiro que consideran "absolutamente lesivo" e emprazou ao goberno a procurar alternativas que non pasen por faenar en augas da Frente Polisaria. O deputado de AGE, Juan Fajardo, agradeceu o traballo desenvolvido pola europarlamentar do BNG, Ana Miranda, en Europa e tamén o voto de IU, contrarios a un protocolo "nocivo para a frota galega".

Comentarios