O Euríbor escalou un día máis e superou a barreira de 1,4%

Os análistas coinciden en que as hipotecas a tipo variábel seguirán subindo nos próximos meses.
O índice de referencia para o crédito leva seis xornadas crecendo (Foto: Nós Diario).
photo_camera O índice de referencia para o crédito leva seis xornadas crecendo (Foto: Nós Diario).

O Euríbor continúa a súa escalada e chegou esta cuarta feira a 1,4% na súa taxa diaria, o que supón o seu maior nivel desde finais de marzo de 2012.

O índice de referencia para a maioría de préstamos hipotecarios a tipo variábel no Estado español encadeou seis subas consecutivas, desde que a semana pasada marcase un nivel de 1,146% até esta cuarta feira, cando se situou en 1,427%.

Con estes ascensos, a media mensual provisional para agosto situaríase en 1,14%, o seu maior nivel desde xuño de 2012, cando fechou en 1,219%.

Estas subas do Euríbor están a anticipar o aumento de tipos que o Banco Central Europeo (BCE) podería aplicar na súa próxima reunión de setembro. O mercado desconta un incremento de 0,5%, despois de que na súa reunión de xullo sorprendese cun primeiro aumento de 0,5%.

De fechar así, esta alza do índice pode supor un aumento significativo para aqueles que lles toque a revisión da súa cota. Por exemplo, para unha hipoteca variábel de 150.000 euros a 30 anos e cun diferencial do valor do Euríbor máis 0,99%, o aumento mensual sería de algo máis de 110 euros ou, o que é o mesmo, de 1.300 euros ao ano.

O Euríbor estabilizarase en 2024, segundo expertos

A alza do Euríbor irase desacelerando durante 2023 até estabilizarse en torno a 2% en 2024, segundo as previsións de Tecnotramit, especializada en servizos para entidades financeiras e compañías inmobiliarias no Estado español e en Portugal.

"No último ano houbo un forte incremento no Euríbor que fixo reaccionar, primeiro, á Reserva Federal Alemá, e despois, con bastante contundencia, ao Banco Central Europeo que, tras o aumento de medio punto dos tipos en xullo, ten prevista unha nova revisión en setembro", explicou o xerente de formalización hipotecaria de Tecnotramit, Carles Solé.

O experto considera que a suba experimentada polo Euríbor nos últimos meses vaise ir desacelerando e que durante 2023, aínda que manterá a súa tendencia á alza, farao "cunhas taxas inferiores", para posteriormente en 2024, estabilizarse en torno ao 2%. Con todo, esta situación, tanto no Euríbor como no ámbito de políticas monetarias, provocará unha consecuente suba das hipotecas en sintonía cos tipos.

Comentarios