Estudan accións legais contra os concellos que prohiben os mercados labregos

A equipa xurídica do SLG estuda iniciar accións legais para aclarar se as prohibicións que se decretaron en ducias de concellos galegos coa escusa da Covid-19 se axustan a dereito.

Mercado Entre Lusco e Fusco (Nós Díario)
photo_camera Mercado Entre Lusco e Fusco (Foto: Nós Díario)

A equipa xurídica do Sindicato Labrego Galego estuda iniciar accións legais para aclarar se as prohibicións de mercados labregos que se decretaron en ducias de concellos galegos coa escusa da Covid-19 se axustan a dereito. Ademais de presentar unha nova queixa diante da Valedora do Pobo, nun escrito que se rexistrará concello a concello, reclamarase dos gobernos municipais que informen sobre o instrumento legal utilizado para a adopción da medida de peche do seu mercado, así como onde e cando foi publicado, para analizar caso por caso se procede o emprendemento de accións legais.

 “Dende o punto de vista formal, non temos constancia de cal foi o instrumento xurídico (decreto, acordo plenario, acordo da xunta de goberno) por medio do cal foi adoptada a medida de prohibición de cada mercado. […] Precisamos coñecer a motivación concreta da decisión adoptada, así como os instrumentos legais nos que se concretou para valorar debidamente a adopción das medidas legais que poidamos adoptar ao respecto”.

A maiores, insístese na reapertura inmediata dos mercados de alimentos ao aire libre, xa que “se trata dunha actividade esencial (así o consideraron todas as autoridades das administracións públicas durante os momentos en que foi necesario adoptar as medidas máis restritivas), de maneira que a venda nos mercados debe manterse en todo caso cando se trata de mercados de alimentos, e a parte de alimentación como mínimo cando se trata de feiras mixtas; máis, en todo caso, considerando que se trata sempre de mercados ao aire libre, son máis seguros que a venda que se realiza en calquera establecemento pechado”.

No escrito que se vai presentar o SLG recórdaselles aos concellos que a Consellería de Sanidade publicaba no Diario Oficial de Galiza de 21 de outubro de 2020 unha orde na que establecía as medidas de prevención específicas diante da Covid-19.

“A Consellería de Sanidade non só permite con carácter xeral a venda de alimentos en mercados tradicionais, senón que incluso lles dá prioridade para celebrarse”, afirman.

A maiores, informa a organización agraria, foi presentada unha queixa diante da Valedora do Pobo polos peches de diferentes mercados locais galegos, co obxecto de que se volvan abrir canto antes­.

Comentarios