Estrella Galicia enchúfase á enerxía do sol

Hijos de Rivera enche a cuberta da fábrica da Coruña con paneis solares para autoconsumo.
Planta solar para autoconsumo de Estrella Galicia (Hijos de Rivera).
photo_camera Planta solar para autoconsumo de Estrella Galicia (Hijos de Rivera).

A Corporación Hijos de Rivera, propietaria de Estrella Galicia, ven de instalar na cuberta da súa factoría de cervexa da Coruña unha instalación de autoconsumo solar formada por 977 paneis e cunha potencia de 415,4 kWp.

A instalación da infraestrutura, que ocupa unha superficie de 8.000 metros cadrados, correu a cargo da firma pontevedresa EDF Solar.

A produción eléctrica destes paneis, equivalente ao consumo medio anual de 200 fogares, cubrirá 2,5% das necesidades enerxéticas da factoría de Estrella Galicia.

Segundo apuntan desde a compañía nun comunicado, con esta acción, Estrella Galicia reforza o seu compromiso ambiental e a sua aposta nas enerxías limpas e non contaminantes. 

Neste senso, lembran que xa en 2019 Hijos de Rivera demandou a garantía de orixe de toda a enerxía consumida co obxectivo de acreditar que procedía de fontes renovábeis, e o seu propósito é continuar facendo investimentos que lle permitan seguir avanzando nesta dirección.

Comentarios