A Estrada, epicentro do cultivo de arandos ecolóxicos, comeza tempada

'Berries Galiza' aumenta asociados e fará unha feira este verán 
Venda de arandos procedentes da Finca da Condesa, A Estrada, nun posto do comercio A Cesta da Saúde en Compostela (Finca da Condesa).
photo_camera Venda de arandos procedentes da Finca da Condesa, A Estrada, nun posto do comercio A Cesta da Saúde en Compostela (Foto: Finca da Condesa).

A produción de arando está a medrar na Galiza. Os denominados berries, polo seu nome en inglés, ou froitos silvestres, non se cultivaban e nesa familia entraban amorodos, arandos, framboesas, grosellas e amoras. A súa expansión e aumento de consumo fixo que se comercializaran cada vez máis e coa distribución a través de grandes cadeas alimentarias a súa produción tamén se multiplicou. 

O Estado español é o maior produtor a nivel europeo e a maior parte das vendas, un 70%, remataban no mercado do Reino Unido a partir de empresas que xestionan grandes extesións de cultivo, sobre todo no sur do Estado español mais tamén na Galiza. Nese sistema de gran produción traballa a empresa Horticina cunha plantación de arandos na  Barqueira (Cerdido). Creada en 2002 para cultivar camelia, reconverteuse para producir arandos en 2009.

Na actualidade venden ao redor de 500 toneladas cada ano, que comercializan a través da compañía Surexport de Huelva. Do outro lado hai unha gran cantidade de pequenas e medianas explotacións que buscan a excelencia e a produción ecolóxica como sinal de identidade. En 2019 unha parte delas decidiron agruparse nunha asociación baixo o nome de Berries Galiza coa intención de diferenciarse e defender o seu produto. 

Unha empresa de Huelva produce os arandos en Begonte 

A extraordinaria calidade da terra e o clima apropiado seduciron en 2013 a empresa Surexport de Huelva para achegarse a Pacios, na parroquia de Baamonde (Begonte) para alugar á comunidade de montes 70 hectáreas para a produción de arandos. Un 80% vai destinado á exportación e, neste caso, un dos compradores máis importantes é a cadea británica Tesco, coa que traballa a compañía andaluza.

A capital dos arandos

A Estrada estase a converter na capital deste tipo de froitos. Nela ten a súa sede Berries Galiza e tamén as explotacións máis importantes de arandos, coas que buscan producir dunha maneira máis sensíbel coa contorna e en condicións máis ecolóxicas: A Finca da Condesa, na parroquia de Ribeira, e Biofruit Galiza, en Santo Tomé de Ancorados. 

A campaña dos arandos está  agora a comezar e "hai moi boas expectativas", como sinala a Nós Diario o presidente da asociación, Ramiro Touceda. En números conta coa previsión de que cheguen a venderse ao redor de 14 toneladas. "O prezo de venda aínda está por ver, dependerá do consumo", asegura Touceda, "e tamén do turismo que o consome", engade.

O segredo que diferencia estes arandos doutros é a propia recolección, que se realiza con sumo coidado e agora, coas actuais circunstancias, gardando todas as medidas sanitarias e de hixiene. Outro é a venda a través de tendas ecolóxicas e froitarías locais da comarca aínda que tamén chegan ás prazas de Abastos de Pontevedra e Compostela. "Tamén son moi interesantes as experiencias de transformación que se están a crear cos arandos como protagonistas", explica Toucedo. 

Aumentan as explotacións asociadas

A asociación conta con cinco explotacións agrícolas máis que as que fundaron a entidade. Xa están presentes, ademais de na  Estrada, en Silleda, Lalín, Vilalba, As Pontes, Vigo e Dodro. Neste tempo tamén realizaron contactos para aumentar a liña de distribución, que agora mesmo realizan a través de tendas especializadas. Desde o concello, ademais, anuncian que están a traballar para realizar unha feira centrada nos produtos de Berries Galiza para este mes coa intención de promocionalos. 

Comentarios