Estafad@s polas preferentes non afrouxan: ''a Xunta ten que impugnar o decreto de Madrid''

Unha acción na oficina central de Novagalicia Banco en Compostela deixou os vidros empapelados con cartaces que reclaman o diñeiro d@s 45 mil afectad@s por esta entidade, 100 mil en total. As persoas que fixeron parte do acto reivindicativo foron identificadas pola policía local. Tamén houbo protestas en Ferrol e na Illa

Sabe se ten dispoñíbeis os aforros na súa entidade? Probe a sacar unha parte. Se non pode, póñase en contacto coa Plataforma de afectados pola fraude das preferentes na comarca de Compostela.

Con este aviso e unha listaxe de instrucións a seguir no reverso, ao redor dunha ducia de integrantes do citado colectivo realizaron esta sexta máis unha acción na oficina central de Novagalicia Banco na capital do país, situada na céntrica Praza de Galiza. Armad@s de pegamento e escoba, empapelaron os vidros da entidade con cartaces que repetían a mesma mensaxe: que lles devolvan os seus cartos. Todas as persoas que fixeron parte desta acción foron identificadas pola policía local namentres empapelaban outra sucursal.

O Goberno español tiña previsto aprobar no Consello de ministr@s de hoxe a reforma económica que adaptaría a lexislación española ás condicións do memorando que permite ao Estado recibir até 100.000 millóns para sanearen a banca. Mais, finalmente, o visto e prace para o real decreto ficou adiado até o 31 de agosto a petición da Comisión europea, segundo Soraya Sáenz de Santamaría.

De ter saído adiante, "a situación hoxe sería moito máis grave que onte", informou Xesús Domínguez, voceiro da Plataforma en Compostela. Repasando o texto que Mariano Rajoy propuxo en Bruxelas, o que permite é "o expolio do 70% dos nosos aforros", valorou Domínguez.

A explicación das súas palabras reside en que o real decreto permitirálle ao Goberno español pagar polos títulos só o prezo de mercado, para alén de impedir que as persoas afectadas reclamen perante a entidade bancaria ou perante o FROB --Fondo de reestruturación ordenada bancaria--. O recurso contencioso-administrativo na Audiencia española sería o único vieiro que lles quedese para loitar polo diñeiro perdido na estafa das preferentes.

Mais Domínguez non as ten todas consigo tampouco neste punto, pois apuntou a que, na letra pequena, o real decreto "corta a demanda pola vía xudicial".

Lembramos as cifras: 45 mil estafad@s por Novagalicia Banco, 100 mil en total
"Se antes tiñamos os cartos secuestrados, agora Rajoy propón unha quita que nos deixa máis atados e sen o 70% dos aforros", continua sinalando o voceiro d@s afectad@s na comarca compostelá, colectivo que reclama que a Xunta dea a cara polo pobo e se persone na causa "do noso lado". Reprocharon a Núñez Feijóo que repita unha e outra vez a proposta da arbitraxe, pois "só funciona para uns cen casos. Faltan outros 44.900", apuntou Xesús Domínguez en referencia @s 45 mil afectad@s na fraude de Novagalicia Banco. A cifra total de persoas que perderon cartos nesta estafa ascende a case 100 mil na Galiza.

"Novagalicia Banco recoñece que a arbitraxe só vale para algúns casos, os que eles escollan", e tal e como funciona esta modalidade de resolución de conflitos a persoa afectada sentaría a negociar coa entidade e cunha ou un árbitro, funcionari@ da Xunta. "Poñemos unha persoa maior outra vez fronte ao banco e cun licenciado en Dereito que vai facer o que mande o xefe?", preguntou Domínguez, antes de concluír que o proceder correcto do Goberno galego sería "impugnar o RD-lei. Isto non o impón Bruxelas, senón un goberno que vende os aforradores para salvar os bancos".

''Non temos nin para os dentes''
Mais, cadrando coa posibilidade de que esta sexta fose adiante o decreto, houbo no país máis protestas de afectad@s. Así, en Ferrol, ao redor de 60 persoas, xubiladas na súa meirande parte, protagonizaron unha acción vistosa e sonora. Megáfonos en man e vestidas de fumigadoras, colapsaron a entrada dunha sucursal de Novagalicia Banco e berraron as consecuencias da estafa: "Non temos nin para mercar dentes", dicían, para remataren a concentración varrendo o chan de xeito simbólico.

Namentres, na Illa de Arousa e facéndose pasar por clientes que ían realizar unha xestión, un grupo de estafad@s presentouse na oficina que a entidade bancaria ten no lugar con toda a paciencia, ralentizando o traballo d@s empregad@s e forzando finalmente ao feche da sucursal. "Róubannos, estáfannos e aínda non podemos nin recorrer. É unha ditadura", apuntaron aos medios algunhas das persoas que fixeron parte da acción.

Comentarios