Estafad@s polas preferentes aproveitan a Vuelta para se faceren ouvir

Maniféstanse na primeira etapa da competición española que pasa por territorio galego, e conseguen entrevistarse con Gustavo César Veloso, único corredor galego. Nesta cuarta volverán protestar, cadrando coa subida ao Monte Castrove, entre Cambados e Pontevedra, pois a marcha dos ciclistas transcorrerá máis lenta

A plataforma de afectad@s pola estafa das preferentes da bisbarra do Salnés protagonizou esta terza feira máis unha acción reivindicativa, cadrando coa primeira etapa da Vuelta Ciclista que pasaba pola Galiza.

O obxectivo era facer visíbel a súa causa e procurar o apoio público do único corredor galego nesta competición, Gustavo César Veloso, de Vilagarcía. E conseguírono: ao remate da etapa, Veloso mostrou a súa solidariedade coas 45 mil estafad@s por Novagalicia Banco --en total, as persoas afectadas son ao redor de 100 mil--.

"Para Feijóo somos un estorbo moi grande", declarou perante os medios de comunicación o voceiro da plataforma, Argimiro Martínez, quen quixo lembrar ao presidente da Xunta que, cunhas eleccións que se celebrarán o 21 de outubro, o que "non son 50, senón 50 mil en toda Galiza, e se se suman as familias, até 300 mil os votos que están en xogo".

O colectivo accedeu a unha vivenda ubicada nun edificio detrás da zona da organización e colocaron no balcón unha faixa que dicía 'Plataforma Salnés, preferentes e subordinadas, solución'. A acción d@s afectad@s rematou cunha marcha a pé até Portonovo. Na segunda etapa da Vuelta na Galiza, entre Cambados e Pontevedra, haberá protestas durante a subida ao Monte Castrove, onde a marcha dos ciclistas transcorrerá máis lenta.

Comentarios