Rouban 400 millóns en Galiza ao fixar nun 40% a quita das preferentes

O ministro de Economía, Luis de Guindos, dixo na súa comparecencia no Congreso d@s deputad@s que recuperarán unicamente o 60% do que investiron e que terán que aceptar "canxear" o resto do diñeiro por accións "das entidades saneadas". Na Galiza, @s 45 mil afectad@s de Novagalicia Banco investirán mil millóns neste produto financeiro


As persoas estafadas polas participacións preferentes terán que asumir unha quita do 40%. Anunciouno esta terza feira o ministro de Economía, Luis de Guindos, entrementres as plataformas de afectad@s anunciaron xa que "haberá sangue" se a medida se confirma e quedan sen a metade dos seus aforros.

Así as cousas, durante a comparecencia no Congreso d@s deputad@s, De Guindos dixo que @s titulares deste produto financeiro co cal comercializaron Bankia, Catalunya Bank e Novagalicia Banco recuperarán unicamente o 60% do diñeiro que invertiron. O ministro aclarou que corresponde á Comisión europea, a través da Dirección xeral da competencia, fixar a metodoloxía aplicada para a repartición das cargas da reestruturación destas entidades.

Suporá que os produtos híbridos recuperarán a sinalada porcentaxe, mais matizou que a cantidade a devolver dependerá en última instancia do produto, do tipo de interese e da súa data de vencemento. "Na maior parte dos casos terán que aceptar canxear por instrumentos computábeis como recursos de primeira calidade", espetou De Guindos, referíndose con "recursos de primeira calidade" a accións das mesmas entidades unha vez que fiquen saneadas. 

"Soldos desorbitados, dirixentes de bancos con pensións millonarias... que cona é isto?"
A achega do goberno español non callou entre @s afectad@s. Desde a plataforma do Rosal, o seu voceiro Argimiro Martínez anunciou "sangue" se De Guindos segue adiante por este vieiro, e recordou que nas entidades bancarias se lle venderon partitipacións non só a persoas que non podían ler, senón tamén a moz@s menores de idade d@s que anotaron a data de nacemento ao non posuír aínda documento de identidade.

"Soldos desorbitados, dirixentes de bancos con pensións millonarias... que cona é isto?", revolveuse Martínez, que arremeteu contra a directora xeral de Comercio da Xunta, Nava Castro, por vender en campaña electoral que habería arbitraxes. Xesús Domínguez, voceiro da plataforma en Compostela, pronunciárase na mesma liña ao lle reprochar a Feijóo que repita unha e outra vez a proposta da arbitraxe, pois "só funciona para uns cen casos. Faltan outros 44.900", apuntou Xesús Domínguez en referencia @s 45 mil afectad@s na fraude de Novagalicia Banco. A cifra total de persoas que perderon cartos nesta estafa ascende a case 100 mil na Galiza.

"Novagalicia Banco recoñece que a arbitraxe só vale para algúns casos, os que eles escollan", e tal e como funciona esta modalidade de resolución de conflitos a persoa afectada sentaría a negociar coa entidade e cunha ou un árbitro, funcionari@ da Xunta. "Poñemos unha persoa maior outra vez fronte ao banco e cun licenciado en Dereito que vai facer o que mande o xefe?", preguntou Domínguez. Namentres, en Ourense, aproveitaron as festas destas datas para mudarlle a letra ás panxoliñas e reclamar ao unísono os seus cartos. Diana Pérez, voceira do colectivo na cidade das Burgas, chamou a atención sobre a "indefensión total" en que se atopan, e quéixanse de que os banqueiros "que levaron os nosos aforros" conten co visto e prace "dos políticos".

Comentarios