Estafad@s din que a investigación que ordenou a presidenta do Parlamento ''non é de recibo''

Nunha rolda de imprensa realizada este sábado en Compostela, Xesús Domínguez enfatizou que, malia que no edificio do Hórreo entraron só unhas poucas persoas, os reproches que se lle fixeron á Xunta "reflexan o sentir de 68 mil afectados". Exixen a Feijóo que "non fuxa" e que presione a Madrid na procura dunha solución para unha estafa "organizada polo propio Goberno". En Vigo, centos maniféstanse en prol dunha arbitraxe "sen privilexios"
photo_camera Manifestación nacional en Lugo [Zapa Dacosta]


As plataformas de afectad@s pola estafa das participacións preferentes na Galiza consideran que a intención da presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, de solicitar informes policiais sobre o acontecido no último pleno da Cámara "non é de recibo".

Nunha rolda de imprensa realizada este sábado en Compostela, Xesús Domínguez enfatizou que, malia que no edificio do Hórreo entraron só unhas poucas persoas, os reproches que se lle fixeron ao Goberno da Xunta "reflexan o sentir de 68 mil afectados".

Tal e como apuntou Antonio Sánchez, un dos que increpou a Feijóo, nunha entrevista concedida a este xornal, a idea de asistir pacíficamente á interpelación que sobre as preferentes faría o PSOE viuse truncada cando observaron como o presidente do Executivo galego abandonaba o Hemiciclo, acompañado doutr@s deputad@s do PP. "Sentíronse moi indignados", recalca Domínguez, quen insta a Feijóo a incidir sobre o Goberno español para resolver "un problema que é deles e son eles quen teñen que resolvelo, mais a Xunta non pode fuxir nin escudarse noutros estamentos, ten que presionar".

A xuízo d@s estafad@s, a postura mantida polo líder do PP na Galiza foi "indigna", ao marchar do Parlamento cando lle ían preguntar pola comercialización con estes produtos realizada por Novagalicia Banco. A solución que o ministro De Guindos colocou riba da mesa avocaría @s aforrador@s a quedar sen o 40% do diñeiro e canxear o outro 60% por accións de NGB que non cotizan na bolsa.

Unha estafa "organizada polo propio Goberno"

"Semella evidente que esta estafa está organizada polo propio Goberno", acrecentou o voceiro da plataforma de Compostela, que falou en nome de todos os colectivos galegos de afectad@s. "Non podemos admitir que se nos ameace con investigacións", subliñou Xesús Domínguez, enfatizando que Feijóo debera "autoinvestigarse" para determinar se o seu proceder, "após meses ocultándose de nós", é o correcto.

Tamén este sábado, centos de persoas estafad@s percorreron as rúas do centro de Vigo para exixir que as 70 mil familias afectadas vexan o seu caso sometido á arbitraxe, "sen privilexios". Polo de agora, unicamente 10 mil recuperaron os seus aforros, segundo os datos que manexa a consellaría de Economía. Antes das eleccións cada día resolvíanse 20 casos; agora as entradas diarias reducíronse a tres. As mobilizacións continuarán tamén nestas festas.

Comentarios