“Os bancos seguen coas mesmas prácticas que fixeron coas preferentes e subordinadas”

Falamos con Suso Domínguez, activista das plataformas das preferentes, do novo calote bancario, os bonos subordinados e convertíbeis en accións, que afecta a 1.500 persoas en Galiza. 

dominguez

Máis de 1.500 persoas afectadas na Galiza. Máis de 40 millóns de euros. Un novo produto tóxico, os bonos subordinados e convertíbeis, deixa centos de pequenos aforristas do país sen os cartos que investiron, segundo denuncian, enganados polas entidades. Conversamos con Suso Domínguez, activista nas plataformas contra o calote das preferentes e subordinadas, sobre este tema, que en Galiza afecta nomeadamente o Banco Popular.

- En que consiste o que se califica como máis unha estafa das entidades financeiras os aforradores?
- Son os bonos subordinados e convertíbeis en accións. Nós xa hai un ano denunciamos o que pasaba con eles perante a Fiscalía, mais semella que non se fixo nada. Ben, a emisión destes bonos coincide coas preferentes e subordinadas, emitíndose polo 2009 e afectando ao mesmo perfil que as preferentes. [ Cando os clientes realizaron o contrato, o prezo da acción do Banco Popular era de 17,60 euros. Pasados os anos, e chegado o prazo de vencimento do produto este novembro, caeu até os 3,20 euros. Unha perda que alcanza o 80% do valor inicial].

- Estamos perante a mesma práctica de como as entidades financeiras se financian, teñen ratio de solvencia, a costa dos aforros dos seus clientes. Neste caso, os aforros pasan sr subordinadas, que serían os penúltimos en cobrar.

- Hai unha cuestión chave: ninguén entregaría os seus aforros ao banco por unha porcentaxe misérrima e sen garantía de poder recuperalos se pasa algo. Iso conségueno as entidades a través deste tipo de produtos.

- E cal é a actitude das entidades e das administracións canso se lles recrimina e exixen responsabilidades por este novo calote?

- A Comisión Nacional do Mercado de Valores e o Banco de España foron cómplices no que pasou coas preferentes e subordinadas, non lles preocupou atallar ou controlar o que estaba pasando naqueles anos.

- Estanse a repetir os mesmos erros? Non aprendimos nada?

- Pois non se aprende, non. Vouche poñer un exemplo: meus pais remataron un depósito que tiñan no Pastor. É xente maior, polo que eu contactei coa entidade para falar coa directora e que me informase sobre que depósitos tiñan a prazo fixo e en que condicións. Ben, recibín información de catro produtos estruturados, todos eles destacando ou con letras grandes prometendo beneficios. Mais se lías a pequena -que costaba- e eras quen de entender o que decía, era todo para matizar o que poñían en letra grande. A raíz da estafa das preferentes obrigouse ás entidades financeiras a ser máis claras e transpaentes á hora de informar dos seus produtos, mais elas trampean iso.

- Entón...

- Con todos estes produtos, os bancos procuran que os financies cos teus aforros para que ela os colla e os invista onde vaia ter máis beneficios. É todo un negocio. Ten en conta que hai estudos que din que por cada 1000 euros que ti depositas nunha entidade financeira, esta pode transformalos 'virtualmente' en 10.000 euros para préstamos: en hipotecas, créditos persoais... ´É todo unha gran bola de neve.

- Mais, a esta altura, toda a loita dos preferentistas non sirveu para algo?

- O 90% dos afectados naquela estafa recuperou os aforros. Fica entre un 8 e un 10% por recuperalos, refírome aos de Abanca. Estamos a falar de 10.000 persoas que aínda non lograron que se lles devolvesen os seus cartos, os seus aforros. Mais o que se conseguiu, conseguino a xente. Estado e Xunta non fixeron nada e non fan nada agora para que se garanta que se van devolver os acrtos que faltan. Feijóo é cómplice do maior espolio dos aforros dos galegos.

Cando, vai para cinco anos máis ou menos,comezamos a loita para recuperar os cartos as espectativas de recuperalos eran cero. Os propios avogados dubidaban, dicían que ía ser moi difícil pois había contratos asinados. Mais mobilizámonos, insistimos, organizámonos, protestámonos. Non nos rendemos nen deixamos levar polo desánimo. E logramos que o 90% recuperasen os seus aforros. Moitas das persoas que tomaron parte nesta loita, que se implicaron, eran persoas maiores. E aí estaban, en mobilizacións, en asembleas, en protestas, aguantando multas e sancións...Son dignos de admiración, como mínimo tanto como o 15M.


Tratamos este tema polo miúdo no nº176 do semanario Sermos Galiza nunha reportaxe a dupla páxina de Cristian López. Podes obtela na nosa loxa

Comentarios